Entre as denuncias que se fan dende o BNG están “as graves carencias de contido, enfoque e compromiso co tecido cultural do país” o que según Santos responde a “unha falta de respecto do goberno do PP á lingua galega pola organización dun evento que, malia presentarse como unha cita literaria en clave galega, exclúe o tecido cultural local, entrega a organización a axentes externos e amosa unha escasa coherencia coa cultura do país”.
Escaso protagonismo da lingua galega
O BNG manifesta o seu desacordo coa concepción e desenvolvemento da primeira edición de “Marín Vila do Libro” onde a páxina web do evento constata que “a literatura e a cultura galega son as grandes protagonistas” e que a celebración se integraba nas Letras Galegas cunha programación diversa. Porén, afirman que «a realidade pareceu contradicir esas intencións». E como exemplo sinalan que “unha das actividades foi unha charla sobre tradución ao catalán, afastada do propósito de reivindicar a nosa lingua”.

Decoración reciclada co nome doutro concello
O partido nacionalista tamén afirma que “tanto a programación como a ambientación foron pouco coidadas e desaxustadas ao contexto”. dado a que parte da decoración foi reciclada dun evento anterior celebrado en Pontedeume, como así se podía ver nalgúns cartaces que mencionaban esa vila. Lucía Santos sinalaba ademais que “durante toda a fin de semana se expuxeron libros en castelán e catalán, mentres a lingua galega quedaba relegada, mesmo nunha celebración presentada como tributo á súa cultura”.

Organizado por empresas de fóra de Galicia
O evento foi organizado por unha empresa catalá, cunha programación deseñada fóra de Galiza. Ainda que non entrou a valorar a profesionalidade da entidade contratada, a portavoz do BNG considera “inxustificable que o Concello delegue unha celebración cultural de tanto simbolismo en axentes externos, deixando á marxe creadoras, colectivos e entidades culturais galegas”.

Sen contar co comercio local
Outra das queixas sobre a primeira edición de “Marín Vila do Libro” por parte do BNG sería que «ainda que a iniciativa se anunciou como un pulo ao comercio local, foi sen embargo a empresa organizadora do evento quen controlou as vendas de libros, deixando fóra as librarías da vila. Do mesmo xeito que sucedeu cos obradoiros, que foron tamén encargados a empresas foráneas».


O BNG denuncia que non se contara con empresas galegas para os obradoiros