Co verán xa iniciado e coa chegada masiva de visitantes ao municipio, o BNG considera que a situación resulta aínda máis preocupante. “Falamos dun símbolo de Marín, de visita obrigada para calquera persoa que se achegue ao noso concello. Non podemos permitir que se presente neste estado de abandono e perigo”, sinalou a portavoz.
Plataformas de madeira apodrecidas
Segundo explicou Santos, as plataformas de madeira atópanse podres, con táboas que se afunden e que supoñen un risco para quen queira achegarse a contemplar os petróglifos. “A falta de mantemento dos espazos públicos que corresponde ao goberno municipal está sendo moi grave”, insistiu.
A denuncia do BNG sobre o deterioro das áreas municipais non é nova. Nos últimos meses, o grupo vén advertindo reiteradamente sobre o mal estado de instalacións e mobiliario urbano, tanto en zonas céntricas como en espazos naturais do concello. Para Santos, esta situación “non só afecta á imaxe de Marín ante as persoas que nos visitan, senón que tamén supón un risco para a seguridade e o benestar da cidadanía”.
A voceira nacionalista concluíu afirmando que “é responsabilidade do concello garantir que os espazos públicos se manteñan en condicións idóneas para o seu uso, e o goberno do Partido Popular leva moito tempo desatendendo esta función, creando un problema serio de falta de limpeza e deterioro xeralizado”.
Desde o BNG esixen unha actuación inmediata para a recuperación e posta en valor das plataformas dos petróglifos, así como un plan de mantemento que evite que situacións como esta se repitan.