Durante a sesión da comisión de Urbanismo, o BNG trasladou varias dúbidas en relación cos materiais recollidos no proxecto do Itinerario litoral para a mobilidade sostible, actualmente en execución. A portavoz nacionalista, Lucía Santos, centrou a súa intervención na necesidade de coñecer con precisión que tipo de pavimento se vai empregar finalmente nos distintos treitos do vial.

Santos lembrou que o camiño existente até o de agora estaba realizado en xabre, un material que permite manter o carácter natural da senda e facilita a súa integración na paisaxe litoral. Segundo indicou, esta solución resulta coherente cun itinerario pensado para o tránsito peonil e ciclista nun espazo de alto valor ambiental.
Treitos con tratamento diferenciado
Segundo recolle o proxecto técnico, só o tramo comprendido entre a última entrada da ENM e Portocelo figura como “senda naturalizada”, prevendo o uso de xabre ou granulado estabilizado. Pola contra, nos tramos que van desde o antigo hospital até a entrada final da ENM, e desde o miradoiro de Portocelo até a praia de Mogor, o documento contempla a utilización de baldosas ou formigón. O BNG subliña que estes treitos se atopan na actualidade naturalizados con xabre, polo que a introdución de materiais urbanos suporía, ao seu xuízo, unha alteración innecesaria da estética e do espírito do itinerario litoral.

Resposta desde Urbanismo
Durante o debate, o concelleiro que preside a comisión de Urbanismo, Manuel Santos, asegurou non ter constancia de que se vaian empregar baldosas na execución da obra. Non obstante, comprometeuse a revisar o proxecto, no que efectivamente aparece recollida esa previsión.
Defensa da mobilidade sostible
O BNG reiterou a súa defensa dun modelo de mobilidade sostible e respectuoso coa paisaxe, reclamando que o Vial das Praias conserve o seu carácter natural ao longo de todo o percorrido. A formación considera que a elección dos materiais é clave para garantir a coherencia do proxecto coa identidade do litoral e coa preservación do seu valor ambiental.