O II Festival de Cine do Mar inaugurouse co Premio Honorífico a Margarita Ledo

A cineasta lucense recibiu o premio pola súa traxectoria como cineasta comprometida coa memoria colectiva, o feminismo e a cultura galega.
25 de junio de 2025
3 minutos de lectura
Margarita Ledo Andión con Lucas Santiago, director do festival.
Margarita Ledo Andión con Lucas Santiago, director do festival.

O II Festival de Cine do Mar inaugurouse onte no histórico Cine Seixo, tendo como protagonista á cineasta luguesa Margarita Ledo Andión, a quen se lle entregou o premio honorífico «Luz de Faro» en recoñecemento á súa traxectoria no audiovisual galego e á defensa dos valores identitarios do mar e das comunidades costeiras. Margarita Ledo, catedrática de Comunicación, amosou ao longo da súa ampla carreira no mundo do documental, unha mirada comprometida coa memoria colectiva, o feminismo e a cultura galega.

Lukas Santiago, director do festival, xunto con X.M. Vilaboa (Secretario da A.C. Museo do Mar), deron a benvida a esta segunda edición do certame que achega a Marín a cultura do mar a través do cine. Agradeceron a colaboración dos patrocinadores, en especial ao principal apoio do festival, o Concello de Marín, representado alí pola alcaldesa María Ramallo, quen tomou a palabra.

A figura e a obra da homenaxeada foi glosada por Lukas Santiago, deixando paso ao cineasta marinense Ángel Santos, membro do xurado do festival, quen foi o encargado de facer entrega a Margarita Ledo do premio “Luz de Faro”, simbolizado no Faro de Tenlo.

Proxeción do documental «Prefiro condenarme»

Tralo acto de apertura foi proxectado o documental Prefiro condenarme (2024), unha produción onde Margarita Ledo reflexiona sobre a memoria nunha época opresiva na que Sagrario, mariscadora de Ferrol, foi xulgada por adulterio. Protagonizada por Iria Pinheiro, Melania Cruz e Mónica Camaño , o filme recibiu unha mención especial do xurado no Festival de Sevilla.

O festival, organizado pola A.C. Museo do Mar de Marín, continuará ao longo desta semana, ata o domingo 29 de xuño, en diversos espazos de Marín como a Biblioteca Municipal, o Museo  M. Torres, o Espazo Emprendedor Parque Azul ou a dársena de embarcacións tradicionais. A organización programou proxeccións de documentais, curtas, sección para filmes feitos polos colexios, exposicións, debates temáticos, showcookings e encontros con profesionais do cine mariñeiro.

Nesta segunda edición, o festival medrou ao integrarse na Filmmakers Network que agrupa festivais, cineastas, productores e profesionais do mundo audiovisual.

Co II Festival de Cine do Mar, Marín consolídase como sede dun evento que reflicte nas pantallas a identidade mariñeira desta vila.

Margarita Ledo Andión

Margarita Ledo Andión, cineasta comprometida

Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, Lugo, 1951) é unha cineasta, escritora e xornalista galega, destacada figura no audiovisual galego. Dende nova estivo moi vencellada á cultura galega e ao compromiso político. Doutora en Ciencias da Comunicación, desenvolveu unha prolífica carreira académica como catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, desde onde defendeu o uso do galego no cinema e nos medios de comunicación como ferramenta de construción identitaria. Foi fundadora e directora da revista A Nosa Terra, (herdeira da cabeceira histórica bilingüe creada en 1907 na Coruña) ademais de colaborar con outras publicacións tanto en Galicia como fóra.

No eido cinematográfico, Margarita Ledo Andión destacou sobre todo no documental, onde mestura poesía, memoria e denuncia social. Entre as súas obras máis recoñecidas están Santa Liberdade (2004), que relata o secuestro do transatlántico “Santa Isabel” levado a cabo por antifascistas galegos e portugueses que denunciaban as ditaduras de Salazar e Franco. En Liste, pronunciado Líster (2007), fala da figura do militar comunista galego. En 2020 estreou Nación, un documental sobre a loita das obreiras da fábrica de cerámica Pontesa, pechada nos anos 80. Por este traballo obtivo o Premio á Mellor Dirección no Festival de Málaga.

No seu último documental Prefiro condenarme (2024) narra a historia de Sagrario Ribela, mariscadora de Ferrol que logrou a absolución do Tribunal Eclesiástico por un delito de adulterio, impoñendo o seu dereito a querer en liberdade.

Premios e recoñecementos na súa carreira

Ao longo da súa carreira recibiu moitos premios e recoñecementos, entre eles o Premio Nacional da Cultura Galega no ámbito do cinema (2008) e o Premio Otero Pedrayo (2017), sendo respectada no eido da cultura galega polo seu compromiso e traballo incansable a prol do cine, da lingua e da xustiza social.

Os documentais de Margarita Ledo deixan claro que lle interesa contar as historias esquecidas, sobre todo das mulleres e da clase traballadora. Non lle pon medo achegarse a temas duros e conflitivos dende unha liguaxe moi persoal e lírica.

José Luis García Portela

José Luis García Portela

📸 Reportero gráfico independiente
🎬 Director de Fotografía en DM
✍️Director de la Sección Marín y Parroquias en Diario Marín
💻📊 T.E. en Informática de Gestión

Deja un comentario

Don't Miss