A Cañota, Virxe do Carme e San Pedro, así como na conexión da Lameiriña e o entorno do Centro de Saúde contarán cunha transformación que comenzará neste 2026 grazas ao Plan de Actuación Integral Marín 360.
A alcaldesa, María Ramallo, deu conta onte no Pleno da Corporación da aprobación definitiva por parte da Unión Europea da nova senda financeira que foi concedida a Marín para levar adiante o seu Plan, un total de 6,5 millóns de euros que permitirá “realizar inversións transformadoras en zonas do municipio que o necesitan”.

Catro proxectos estratéxicos
Con esta financiación, desenvolveranse catro proxectos estratéxicos co horizonte posto en catro anos de execución, polo que agora toca “sentarse na mesa e organizar cales serán as actuacións polas que empezaremos este ano, que estará sobre todo centrado en encargar os proxectos e executar aqueles que xa temos listos”.

En xeral, Marín 360 céntrase nas barriadas da vila. Por unha banda, a barriada Virxe do Carme, onde se procurará impulsar “unha zona de transición verde entre o barrio e a senda do río Lameira, que cambiará radicalmente coas obras que actualmente está executando Augas de Galicia·, explicou a alcaldesa.
“Tamén actuaremos en todos os viais que arrodean a barriada (Francisco Landín, Souto, Busto de Abaixo e Calzada). Todo sumado á actual obra de mellora integral do Pavillón do Sequelo, que imprimirá unha mellora total a esta zona”.

Por outro lado, están San Pedro e A Cañota. No primeiro caso, as actuacións centraranse “nunha urbanización total, mellorando pavimentos, beirarrúas, mobiliario, zonas verdes… así como no Estadio, onde poidamos renovar o graderío, mellorar o peche e optimizar a eficiencia enerxética. Tamén se plantexará mellorar a conexión co barrio do Sequelo a través de Jaime Janer.”, engadiu a rexedora.
Na Cañota, está previsto mellorar a praciña central, modernizar o local municipal e humanizar as rúas Cañota e Carballiño para conectar mellor o barrio con Concepción Arenal.

Finalmente, no que respecta á zona da Banda do Río e o Casco Vello,
rexeneraranse as rúas Lameira e Exército e Marina, abordando unha reforma da cuberta e das instalacións do Mercado e mellorando a accesibilidade á Finca de Briz.

“Os resultados de boa xestión dos antigos fondos FEDER sérvennos de aval. Temos experiencia xestionando plans transformadores e conseguindo os resultados esperados, por iso fumos quen de acadar de novo unha axuda deste calado”, rematou Ramallo.