O Samaín Briz viviu onte a edición máis multitudinaria da súa historia, cunha asistencia estimada polo Concello de Marín de arredor de 5.000 persoas ao longo da tarde e da noite. A Finca de Briz converteuse nun gran escenario de terror, diversión e creatividade, nunha xornada que o Goberno local considera a máis exitosa das celebradas ata o momento.
Co cambio de data, a apertura das portas adiantouse ás 17.30 horas, unha decisión que tivo unha boa acollida e que permitiu desfrutar da decoración coa luz do solpor. Desde o primeiro momento formáronse colas para acceder ao recinto e participar nas propostas preparadas para a festa.
A celebración reuniu persoas chegadas de distintos puntos da provincia, doutras zonas de Galicia e tamén de Portugal. Entre o público había tanto asistentes que repetían a experiencia como familias e grupos de amizades que se achegaban por primeira vez, atraídos pola repercusión acadada nos últimos anos.
Dúas rutas
As dúas rutas principais volveron ser grandes protagonistas: «A vila embruxada», da asociación cultural e comparsa Os da Caña, e «O último pase», do Club Deportivo La Peña. Ambos os colectivos ofreceron percorridos cunha posta en escena especialmente traballada, combinando interpretación, ambientación e sorpresas que conseguiron provocar tantos sustos como momentos de diversión.
As comparsas La Pandilla, As Sonecas, Moreira a Tope e Cor Café, contribuíron a dar vida a este percorrido, con propostas que abrangueron desde o circo e as videntes ata outras ambientacións de terror. A Fundación Juan XXIII volveu ter un papel esencial na transformación da finca.
O adianto da apertura permitiu que o público apreciase mellor os pequenos detalles da ambientación antes da chegada da noite.