Primeira reunión no concello sobre a rehabilitación dos ámbitos ZACA

O programa de encontros arrincará cunha mesa de traballo coa Corporación Municipal, prevista para o xoves ás 12.00 horas, e continuará ao longo de novembro con reunións con veciñanza e sectores implicados.
30 de octubre de 2025
1 minuto lectura
Concello de Marín. 10-10-2025
Concello de Marín. Foto: JLG Portela.

O Concello de Marín deu un novo paso no desenvolvemento do Plan Especial dos Ámbitos ZACA, un documento urbanístico destinado a protexer e ordenar os espazos históricos do casco antigo, ao tempo que procura a súa revitalización e a mellora do espazo público.

Tal como xa informamos en Diario de Marín, a administración local adxudicou o contrato á empresa coruñesa ITH Planning and Design S.L., por un importe de 222.580 euros, cun prazo de execución de catro anos.

Nestes momentos, o proxecto atópase precisamente na fase de Borrador e Avaliación Ambiental, incorporando ademais un proceso de participación cidadá ao longo deste mes. O programa de encontros arrincará cunha mesa de traballo coa Corporación Municipal, prevista para mañá ás 12.00 horas, e continuará ao longo de novembro con reunións con veciñanza e sectores implicados.

O plan desenvolverase en varias fases.

Avalación ambiental

O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, señaló a esta redacción que «segundo a planificación establecida pola normativa, o plan desenvolverase en varias fases: unha primeira etapa de información e diagnose, que inclúe a avaliación ambiental estratéxica mediante a redacción do Borrador do Plan e do Documento Ambiental, unha fase que iniciamos agora».

Posteriormente levará a cabo unha aprobación inicial xunto aos informes sectoriais para chegar á fase de exposición pública. Ese será o momento para presentar as posibles alegacións.

Revisión ordenanzas

A nivel normativo, está prevista a revisión de determinadas ordenanzas urbanísticas para garantir unha mellor protección dos ámbitos históricos. Porén, dado o carácter inicial da fase actual, aínda non se poden concretar que disposicións serán modificadas nin en que dirección.

O Plan Especial dos Ámbitos ZACA (Zonas Ambientais do Casco Antiguo) preséntase así como unha ferramenta clave para reforzar a identidade urbana, preservar o patrimonio e favorecer unha revitalización equilibrada, garantindo que a memoria arquitectónica e social de Marín continúe sendo un elemento vivo do seu futuro.

Deja un comentario

Don't Miss