Queta Molas, recoñecida co Premio Galiza Mártir pola súa loita pola memoria histórica

A Fundación Alexandre Bóveda vén de anunciar que a activista marinense Enriqueta Otero Farto, coñecida como Queta Molas, será a galardoada este ano co Premio Galiza Mártir. O recoñecemento destaca a súa longa traxectoria na defensa da memoria histórica e na dignificación das vítimas da represión franquista, especialmente no seu concello natal de Marín.
18 de agosto de 2025
1 minuto lectura
Queta Molas
Queta Molas. Foto: JLPortela

Molas, filla de Eduardo Otero Molas —militante socialista internado no campo de concentración da illa de San Simón—, leva décadas implicada en proxectos de investigación, divulgación e homenaxe ás persoas represaliadas. Como presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, impulsou numerosas iniciativas para documentar a violencia exercida durante a ditadura e para dar visibilidade ás historias das vítimas. Tamén é autora de estudos e publicacións que analizan o impacto da represión na comarca do Morrazo.

A entrega do premio tivo lugar onte 17 de agosto, coincidindo cos actos do Día da Galiza Mártir, efeméride na que se lembra o asasinato de Alexandre Bóveda en 1936. A xornada que comezou ás 12:00 horas no parque Amalia Álvarez de Pontevedra continuou no municipio veciño de Poio, escenario dos actos centrais.

O acto terá lugar na Caeira

Na Caeira, xunto ao monumento dedicado a Bóveda, participaron representantes de entidades sociais, políticas e culturais, así como de cargos institucionais. O alcalde de Poio, Ángel Moldes, manifestou que a figura de Bóveda debe ser “un punto de encontro” e parte do patrimonio común da cidadanía, subliñando a importancia de manter viva a súa lembranza.

A programación continuou pola tarde, ás 18:00 horas, cun acto relixioso no cemiterio de San Amaro de Pontevedra. Xa ás 20:30, a praza de Curros Enríquez acolleu ademais un acto político organizado polo BNG, no que interviñeron Alicia Arruti, a alcaldesa de Pontevedra, Carme da Silva e a voceira nacional do Bloque, Ana Pontón.

Queta Molas nuna das homenaxes á Capirota en Marín.Foto: JLPortela
Queta Molas nunha das homenaxes á Capirota en Marín. Foto: JLPortela

O Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda

O Premio Galiza Mártir que agora recibe Queta Molas é concedido cada ano pola Fundación Alexandre Bóveda a persoas ou colectivos que se distinguen polo seu compromiso coa defensa da memoria e da xustiza histórica en Galicia. No caso da activista de Marín, a entidade destaca a súa capacidade para mobilizar vontades, promover investigacións rigorosas e tender pontes entre xeracións para que a historia das vítimas non caia no esquecemento.

Con este recoñecemento, a Fundación homenaxea a traxectoria dunha muller comprometida e pon en valor o papel que activistas e investigadores teñen desempeñado na construción da memoria histórica. O 17 de agosto, o nome de Queta Molas quedou inscrito na nómina de persoas que recibiron este galardón, sumando a súa voz á daqueles que a memoria histórica siga presente no futuro de Galicia.

Queta Molas e a xornalista Montse Fajardo. Foto: JLPortela
Queta Molas e a xornalista Montse Fajardo nun acto da Memoria en Marín. Foto: JLPortela

Deja un comentario

Don't Miss