O Concello de Marín vén de presentar catro denuncias ante a Policía Nacional polos roubos reiterados de cable do alumeado público municipal detectados durante os últimos 20 días na contorna do Calexón do Inferniño, a Estrada da Raña e o Camiño de Raposeiras.
As subtraccións, que se produciron de maneira continua e reiterada, afectan a preto de 800 metros de cable. Na Estrada da Raña, a zona afectada abrangue o tramo comprendido entre o cemiterio e a piscina municipal.
Vixilancia nocturna
Estes roubos prexudican o funcionamento dun servizo público esencial e
provocan problemas de iluminación nas vías afectadas, co conseguinte trastorno para a veciñanza. Ademais das denuncias interpostas ante a Policía Nacional, a Policía Local está a colaborar nas actuacións, con dispositivos de vixilancia nocturna na contorna afectada.

O Concello solicita tamén a colaboración cidadá e pide que calquera persoa que observe movementos ou comportamentos sospeitosos relacionados coas instalacións do alumeado público o poña en coñecemento da Policía. A
información que poida achegar a veciñanza pode resultar útil para esclarecer os feitos e evitar novas subtraccións.
Reposición e protección
Os servizos municipais están a estudar a forma de repoñer o alumeado á maior brevidade posible, incorporando algunha protección ou elemento que dificulte ao máximo que o cable poida volver ser subtraído. O obxectivo é recuperar o servizo nas zonas afectadas e reforzar a protección da instalación fronte a novos roubos. Desde o Concello agradécese a colaboración da veciñanza para contribuír ao coidado das infraestruturas públicas.