O programa foi presentado polos concelleiros Pablo Novas e Cristina Acuña, xunto con Cristina Souto e Manuel Solla, en representación da directiva da Asociación de comerciantes de Marín Sur (ACEMAS), que colabora na organización.
A veciñanza poderá gozar dunha combinación de actos relixiosos, actividades culturais, propostas infantís e espectáculos musicais. Todo isto terá lugar ao longo de seis xornadas consecutivas, do martes 15 ao domingo 20 de xullo.
Procesión nocturna dos fachos
As festas arrancan o martes 15 cun dos actos máis emotivos: a misa e procesión das antorchas, que se celebrará ás 21.30 horas. A procesión estará acompañada pola música do Grupo Folk Carballido. Trátase dun momento de grande simbolismo que reúne cada ano a numerosos fieis e veciños.

O mércores 16, Día do Carme, comezará ás 10.30 horas cun pasarrúas da Banda de Música Cultural de Arcade. Ás 11.30 horas terá lugar a tradicional ofrenda floral ás xentes do mar no Porto de Aguete. A continuación haberá unha procesión ata a Igrexa de Seixo, onde se vai celebrar a misa solemne ás 13.00 horas.
Maxia e pinchada DJ na Casa da Cultura
O xoves 17 será a quenda da cativada. Terá lugar unha actividade de sombras chinescas e maxia a cargo de Ian e Elisa, na Casa de Cultura de Seixo ás 12.00 horas, organizada por ACEMAS.
A música moderna será protagonista o venres 18 cunha sesión nocturna do DJ Rubén na nova Praza do Mercado, a partir das 23.00 horas.

O sábado 19 chega cunha ampla oferta de actividades: pola mañá celebrarase o 5º Torneo de Tiro de Chave, organizado pola ACD Gharaboto no campo de fútbol de Seixo. Pola noite, ás 21.00 horas, a Banda de Música de Marín ofrecerá un concerto na Praza do Mercado e ás 23.00 horas a Alameda de Seixo acollerá a actuación da orquestra La Ola ADN.
Domingo de Xogos Tradicionais
Finalmente, o domingo 20 será o día dos xogos tradicionais e da música taberneira. Ás 11.00 horas terá lugar un torneo de billarda, tamén organizado pola ACD Gharaboto, e ás 21.00 horas os Saljariteir@s porán o broche final cunha sesión de Cantos de Taberna na Praza do Mercado.
As festas de Seixo prometen encher de vida, tradición e alegría a parroquia. Reunirá a veciñanza e visitantes arredor da cultura mariñeira e a música popular.