Tras as protestas, o Concello reforzará a seguridade nos accesos ao Sequelo

O Concello de Marín manifestou esta mañá a súa comprensión ante as preocupacións das familias do alumnado do CEIP Sequelo, que se ven afectadas polas obras de renovación do colector do Río Lameira, executadas por Aguas de Galicia.
17 de octubre de 2025
1 minuto lectura
O Concello di que reforzará a seguridade de acceso das familias ao centro


A concelleira Marián Sanmartín explicou que se trata dun proxecto “moi necesario, porque é clave para o saneamento de toda a vila”, aínda que recoñeceu que as obras están a xerar incomodidades na contorna do centro educativo.

Obras no río Lameira
As obras no leito do río estanse a facer aproveitando a seca

Segundo indicou, estas actuacións levan xa dous anos en marcha e, na actualidade, afectan de maneira directa ás dúas entradas principais do colexio. Ademais, coinciden no tempo con outras dúas intervencións: a instalación dun ascensor dentro do propio centro educativo e a mellora enerxética do Pavillón do Sequelo, impulsada polo Concello.

Obras coincidentes e medidas de seguridade

A edil sinalou tamén que, por razóns de seguridade e para avanzar na construción dunha nova senda peonil pola outra beira do río, houbo que retirar a pasarela de madeira que unía ambas entradas do CEIP Sequelo. Esta actuación forma parte do proxecto global de mellora da contorna e busca garantir un acceso máis seguro no futuro.

Marían Sanmartín García 4-4-2025
A concelleira Marián Sanmartín recoñeceu que as obras están a xerar incomodidades na contorna do centro educativo. Foto: JLPortela

“Ao coincidir todas estas obras, a realidade é que hai dificultades, pero iranse resolvendo nos próximos meses. Nós tamén queremos que as obras avancen, pero son complexas e agora estase aproveitando ao máximo o tempo seco para actuar no leito do río”, apuntou Sanmartín.

Reforzo da presenza policial e coordinación coa empresa

Co obxectivo de garantir a seguridade da comunidade educativa, o Concello manterá as medidas aplicadas desde o inicio do curso, entre elas o reforzo da presenza policial nos accesos ao centro. Ademais, continúa a coordinación coa empresa responsable das obras para evitar o tránsito de maquinaria pesada durante as franxas horarias de entrada e saída do alumnado.

As obras do centro coincide coas do río Lameira

O Goberno local tamén traballa coa Consellería de Educación para facilitar os accesos e mellorar a circulación das familias nas inmediacións do colexio, mentres se manteñen os traballos na zona. O Concello insiste en que entende as molestias actuais, pero lembra que se trata de actuacións fundamentais para o saneamento e a seguridade de Marín a medio e longo prazo.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Don't Miss