Nas vindeiras datas celebraranse dúas asembleas veciñais: a primeira terá lugar en Seixo o mércores 30 de xullo ás 20:30 horas na Praza do Mercado, e a segunda, o martes 5 de agosto na Biblioteca Municipal de Marín, tamén ás 20:30 horas.
A pesar da recente incorporación dunha nova médica ao centro de saúde de Seixo, a Plataforma decidiu manter a convocatoria da asemblea prevista para este mércores. “Conseguimos que a semana pasada se incorporase unha nova médica en Seixo para cubrir as vacacións do Dr. Galiano que se vai xubilar en agosto, despois da presión da Plataforma e da veciñanza das parroquias”, explican. Con todo, subliñan que a súa demanda vai máis alá dunha substitución temporal: “Queremos que se convirta nunha interinidade longa antes de que poida coller a praza persoal médico fixo do Sergas. Non imos aceptar un parche.”

Esperas dun mes nalgúns cupos
A organización cidadá tamén chama a atención sobre outros problemas estruturais da sanidade pública na zona, que serán abordados na asemblea de Marín. “En Marín hai esperas para medicina de familia nalgúns cupos que xa chegan ao mes, e prevemos un empeoramento en agosto. O servizo de pediatría tamén se vai resentir, por non falar das longas agardas en fisioterapia ou saúde mental”, sinalan desde a Plataforma.
A voceira do colectivo, Iria Aboi Ferradás, denuncia tamén deficiencias na atención hospitalaria. “O mesmo ocorre en determinadas especialidades da atención hospitalaria como dermatoloxía, uroloxía, otorrinolaringoloxía ou neumoloxía. Temos casos de máis dun ano de espera e en concreto o caso dun veciño á espera de cita dende maio de 2023 para descartar un cancro, que segue á espera a pesar das reclamacións. Por iso non se entende que pechen camas cada verán e lle sigan soltando cartos á sanidade privada, mentres as listas de agarda non deixan de medrar.”

As asembleas están abertas a toda a veciñanza, e a organización garante a súa accesibilidade. “Acondicionaremos o espazo con cadeiras para a xente maior e as familias”, aseguran. Aboi quixo rematar agradecendo o apoio popular: “A presión veciñal foi o que conseguiu ter segunda médica en Seixo e nesa liña temos que continuar. Por iso, convidamos a asistir ás asembleas para seguir defendendo que coa nosa saúde non se xoga.”