Balance do Plan Extra da Deputación en Cangas

A Deputación de Pontevedra activou investimentos por 5 millóns no Morrazo, entre eles a humanización da rúa Tiro Naval Janer en Marín, financiada cunha achega provincial de 1,1 millóns de euros.
3 de diciembre de 2025
1 minuto lectura
Balance inversión Plan Extra da Deputación.

O Plan Extra da Deputación de Pontevedra continúa a mobilizar recursos de impacto para os concellos do Morrazo. Entre as actuacións salientables, Marín recibirá 1,1 millóns de euros para a humanización da rúa Tiro Naval Janer, un proxecto valorado en 1,6 millóns, que o Concello completará con 500.000 euros de achega municipal.

O anuncio tivo lugar no pavillón do Gatañal, en Cangas, nun acto que reuniu alcaldes, concelleiros e representantes veciñais dos catro concellos da comarca. Alí, o presidente da Deputación, Luis López, puxo en valor o carácter “estratéxico e transformador” dos proxectos en marcha ao abeiro da primeira convocatoria do Plan Extra, así como o compromiso da institución provincial coa autonomía municipal.

Tamén tiveron a oportunidade de falar a alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido (BNG), a de Moaña, Leticia Santos (BNG) e a alcaldesa de Marín, María Ramallo (PP).

Marín recibiu 1,1 milions de euros para a humanización da rúa Tiro Naval Janer.

Rede comarcal

Ademais da humanización en Marín, o Plan Extra e o programa +Provincia permiten financiar ao 100 % outras actuacións destacadas na comarca. Entre elas, a mellora do propio pavillón do Gatañal, en Cangas, cun orzamento de 1,1 millóns de euros. Tamén e o novo parque Urbano Lugrís en Bueu, cun investimento de 900.000 euros cuberto integramente polo organismo provincial.

Estas actuacións exemplifican —segundo o presidente— un modelo de cooperación que garante que cada concello decida as súas prioridades, mentres a Deputación aporta os recursos necesarios para executalas.

“A autonomía dos concellos acada unha nova dimensión ao dotar a Deputación das ferramentas necesarias a través deste plan. Así permite facer realidade obras moi demandadas e que levaban anos agardando nun caixón”, afirmou López.

O acto tivo lugar no pavillón do Gatañal en Cangas.

Plan con vocación provincial

A primeira convocatoria do Plan Extra mobilizou 5 millóns de euros nos concellos do Morrazo, dos que a Deputación achega 4,3 millóns. No conxunto, o programa —dotado con 38 millóns de euros— financiou o 100 % das solicitudes presentadas polos 59 municipios de menos de 50.000 habitantes. Desta maneira, se está a cumprir, segundo López, a vocación de “proxecto de provincia” coa que naceu.

O mandatario provincial lembrou o esforzo investidor previsto para o próximo ano, que suporá unha distribución de 128 millóns de euros. Este esforzo será entre os concellos pequenos e medianos a través dos plans +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e o propio Plan Extra.

Deja un comentario

Don't Miss