Firmado C. P.
Son unha persoa que naceu e medrou en Marín. Alí vivín durante moitos anos antes de que a falta de oportunidades me empurraxe a emigrar cara o norte de Europa. Moi de cando en vez regreso á vila, onde quedaron moitos amigos e familiares, e na miña última visita, hai tan só uns días, constatei un crecente fenómeno que me deixou profundamente preocupado, un fenómeno que de seguro afecta a vida de moitos dos veciños.
Con moita pena observei que Marín está sendo tristemente tomada por un colectivo de xente que campa ás súas anchas polas rúas e que por desgraza é cada vez máis numeroso.
Xa nos meus tempos de marinense había algúns destes invividuos proliferando por alá, pero pensaba que era un feito illado. Dende a distancia, tras moito sen pisar terras galegas, chegábanme a través das redes sociais noticias de que a situación estaba indo a peor e negábame a darlles crédito. Pero cando cheguei para gozar dos meus poucos días de vacacións no pobo caíuseme ese velo de inxenuidade mostrándome unha realidade incluso peor que as miñas previsións máis pesimistas, e o que ían converterse nuns días de descanso volvéronse nun constante estado de ansiedade, estrés e profunda impotencia.
Atopeime Marín coas rúas, prazas e espazos públicos tomadas por este colectivo. Resultaba imposible pasear tranquilamente por calquera rincón do concello, tomar algo sen sobresaltos nunha terraza ou xogar cos nenos nun parque co temor de que un individuo destes, ou varios, ao moverse ás veces en grupo, ameazase a nosa paz.
E ese temor extendíase tamén ao interior da casa, porque incluso o que noutro tempo era o espazo máis seguro e sagrado das nosas vidas vese ameazado pola presenza constante e impune desta xente, cuxo único propósito parece ser invadirnos alterar a paz e a convivencia de todo un pobo.
Pero o que xa me parece o cúmulo do despropósito é a pasividade institucional. Vémolos cometer infraccións diante dos nosos ollos mentres quen tería que protexernos mira para outro lado ou, peor aínda, fomenta a súa presenza con medidas que só serven para que cada día sexan máis nas nosas rúas, coas terribles consecuencias que isto conleva para a seguridade e tranquilidade de todos os veciños.
Supoño que chegados a este punto moitos saberedes de que colectivo estou a falar. A min non me educaron para ser intolerante, pero… si, creo que se deberían tomar medidas drásticas contra o colectivo dos motoristas. Porque estaredes dacordo conmigo en que a forma de actuar de moitos deles non é a propia dunha sociedade civilizada.
Ruido de motos
Nunha soa hora, en calquera rúa de Marín, pódense ver ducias de motos (e tamén outros vehículos de motor) superando con creces os límites de velocidade establecidos, facendo aceleróns sen sentido, adiantamentos en liña continua, ou sinxelamente saltándose toda a normativa de ruídos existente, rompendo a tranquilidade, interrumpindo o descanso e poñendo en perigo a seguridade da veciñanza día e noite.
E todo isto, como comentaba máis arriba, sen que aparetemente ninguén neste noso concello, a autoridade competente nestas cuestións, faga nada por resolver un problema que ataca frontalmente dereitos dos marinenses que non teñen nin que sufrir nin que aguantar o comportamento incívico e egoísta dun número cada vez maior de individuos. Señores do concello, a responsabilidade é súa, así que fagan algo para evitar esta situación que está mermando a calidade de vida da xente que lles paga o soldo.
Porque non se trata só dun probrema de convivencia, dunha falta de respeto dos motoristas cara os seus concidadáns. Trátase tamén dun problema que afecta directamente á nosa saúde. E non o digo eu. Organismos internacionais como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Axencia Europea do Medio Ambiente (AEMA) din que o ruído é a segunda causa ambiental máis perxudicial para a saúde, só por detrás da contaminación do aire.
Unha exposición continuada aumenta o risco de padecer enfermidades coronarias e pode producir trastornos metabólicos como a obesidade ou a diabetes tipo 2. Produce tamñen alteracións do sono que pode derivar en cansanzo crónico, irritabilidade, ansiedade e nun aumento de episodios depresivos. Ademais, a OMS tamén apunta a que a exposición ao ruído afecta moi negativamente á comprensión lectora, a memoria a longo prazo e a capacidade de atención nos nosos nenos. E todo iso sen esquecer os danos auditivos que poden causar, sendo vostedes neste caso, os motoristas, os máis afectados por se queren seguir sendo egoístas novamente e pensar en vostedes doutro xeito.
Realmente non sei que se lles pasará pola cabeza para actuar así. Tal vez se cren uns tipos molóns e duros por facer estrondo e conducir como cafres, pero non: a xente non os mira con admiración. Míraos sinxelamente como a quen necesita facer moito ruído para disimular as súas carencias. É o que acostuma pasar cando non tes nada produtivo que ofrecer aos demais.
Pola miña banda, despois de pasar uns días realmente horribles na vila, tomei a decisión de visitala con moita menos frecuencia. É unha mágoa, porque alí teño xente marabillosa, pero por fortuna vivo nun lugar onde a palabra tranquilidade aínda conserva o seu significado. E, con moito pesar, deixarei de recomendar aos meus amigos e compañeiros que fagan unha visita ao concello mentres o ruído siga sendo o dono das rúas.
Á boa xente de Marín, unha aperta, paciencia e tapóns para os oídos. Ao resto, menos ráfagas ao aire e a ver se aprendemos a respectar ao próximo.