Dende a Asociación Galega das Castañas e dos Soutos (AGCS) rexistramos sete alegacións ante a Consellería do Medio Rural en relación co anteproxecto da nova Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia.
O novo anteproxecto recoñéceo por primeira vez no seu artigo 32.6 como sistema preventivo tradicional, pero á hora da verdade suprime a exención vixente para as frondosas caducifolias e aplícalle no seu anexo técnico regras pensadas para masas abandonadas, coníferas ou eucaliptos.
Tras estudar o texto artigo por artigo, a Asociación Galega das Castañas e dos Soutos (AGCS) presenta sete alegacións con propostas técnicas de redacción alternativa para axustar a norma á realidade do cultivo do castiñeiro:
– Manter o réxime diferenciado para os soutos en produción ou xestión activa acreditada que realizan roza anual.
– Medir a distancia mínima de 6 metros entre cepas e non entre pés dunha mesma cepa tradicional.
– Protexer os exemplares vellos con valor patrimonial ou fauna na corta obrigatoria de pés secos, e aplicar protocolos fitosanitarios ante a tinta, o chancro ou a avespiña.
– Garantir a compatibilidade dos soutos históricos próximos ás aldeas, vivendas, sequeiros e ríos nas faixas secundarias.
– Recoñecer que as prácticas habituais do cultivo froiteiro en solo rústico agropecuario xa cumpren as obrigas de xestión da biomasa.
– Dotar de efectos reais a declaración de sistema preventivo: cómputo como paisaxe cortalumes, validación do silvopastoreo e axudas específicas de fomento.
– Permitir solicitar queimas prescritas a instancia de parte e reducir a 5 días hábiles os permisos para queimar restos de poda e ourizos afectados por pragas.
Un souto en produción ten baixa inflamabilidade, marcos amplos e o chan limpo cada ano para a colleita.