A “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), quere amosar o seu apoio solidario á veciñanza de Os Praceres, que hai tempo vén enunciando diante de Augas de Galicia e a Xunta as molestias provocadas polos ruídos e cheiros procedentes da EDAR situada naquela zona, uns
ruídos e cheiros que se veñen sumar aos provocados pola veciña fábrica de ENCE e que son máis acusados en situacións de calor intenso.

Para a APDR resulta difícil de entender que nin Augas de Galicia nin a Xunta de Galicia dispoñan de medios técnicos que permitan exercer un control eficaz, permanente, sobre os focos de emisión de cheiros e ruídos na zona, pois só así será posíbel establecer responsabilidades e tomar as medidas que poñan fin ao problema. Así pois, como primeira medida, esiximos á Xunta de Galicia que exerza as súas funcións e dispoña un control permanente nos focos de emisión de cheiros e ruídos na EDAR e na Celulosa, un control que permita coñecer en tempo real a situación e que, ademais, facilite o acceso aos datos a calquera persoa interesada».

«Temos coñecemento da resposta de Augas de Galicia a algunha das últimas solicitudes veciñais, unha resposta na que lonxe de aportar solucións, o Xefe do Servizo de Xestión de Abastecemento e Saneamento, bota balóns fóra e supedita calquera medida á construción da ampliación da depuradora. E afirma o Sr. Barrio que a EDAR de Os Praceres data de 1995 e que as súas instalacións esgotaron a vida útil, esquecendo a actuación “Mellora do proceso de depuración da EDAR dos Praceres” posto a información pública no 2018 e rematado no ano 2022, un proxecto ao que a APDR presentou numerosas alegacións. Pois ben, ese proxecto promovido pola Xunta de Galicia, recibiu o XIII Premio San Telmo entre outras cousas porque “permite 1 ampliar la capacidad de tratamiento de la EDAR sin necesidad de ocupar más terreno», aseguran desde o cumnicado de prensa.
Tres motivos
Por outra banda, no ano 2019, no trámite de información pública do “Proxecto de ampliación da EDAR de Praceres”, promovido por Augas de Galicia -un proxecto que rexeitabamos- desde a APDR chamabamos a atención sobre moitos dos aspectos fundamentais; citaremos algúns:
1º.- A opción elixida supuña a necesidade de ocupar 41.000 m2 en zona maritimo-terrestre (moitos deles na concesión de ENCE) mentres se rexeitaba (sen xustificación) a opción máis compacta, que ocuparía só 32.500 m2, e evitaría os problemas que hoxe provoca a ampliación proposta.
2º.- Optabamos por construír unha EDAR cuberta, que evitaría (ou paliaría, cando menos) os problemas ambientais e de saúde provocados polos cheiros e os ruídos, permitindo tamén unha maior integración paisaxística desta infraestrutura na zona.
3º.- Entendiamos necesario limitar a entrada de “augas” que agora chegan á EDAR; citabamos enconcreto as pluviais e as procedentes da Ría, as procedentes de Poio, Vilaboa, o polígono do Campiño e o porto de Marín, que requiren solucións alternativas ao seu tratamento nesta EDAR.
Con seguridade, de ter aceptado Augas de Galicia moitas das nosas alegacións, a situación actual tería mudado substancialmente.
Entre outras cousas, a “nova EDAR” cumpriría a normativa e as esixencias medio ambientais, dous aspectos que -tal como recoñece o Sr. Barrio no seu escrito- a EDAR actual incumpre.
Subida do nivel do mar
En APDR animan a animamos á Xunta a ter en consideración á hora de tomar decisións, dous aspectos que van ser fundamentais no futuro da
EDAR de Os Praceres e para a zona que hoxe ocupa: a evidencia da progresiva subida do nivel do mar nesa zona, consecuencia do inevitábel cambio climático.

E fronte esta situación, con este horizonte inevitábel, a Xunta de Galicia non pode manter unha actitude pasiva, non pode agardar estoicamente á chegada da nova situación; ten que adiantarse e, responsabelmente, tomar decisións que anticipen o merecido benestar que o noso medio e a cidadanía levamos tempo esixindo.