A empresa Arroupa, adxudicataria deste lote correspondente ao residuo téxtil, será a encargada de instalar un total de 30 novos colectores repartidos por distintos puntos do termo municipal. Estes elementos permitirán á veciñanza depositar roupa e téxtiles usados para a súa reutilización ou reciclaxe, evitando así que rematen no colector de resto.
Desde o Concello lembran que nos colectores poderase depositar roupa, calzado e outros téxtiles usados, sempre en bolsas pechadas, e fan un chamamento á colaboración cidadá para garantir o bo funcionamento do servizo.
Neste aspecto, a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, destacou que “a implicación da veciñanza é clave. Separar correctamente os residuos é un pequeno xesto que ten un grande impacto”.
Ademais, sinalou que “a recollida selectiva do téxtil é unha obriga marcada pola normativa europea, pero tamén unha oportunidade para avanzar cara a un Marín máis sostible e comprometido co medio ambiente”.
Obriga europea
Desde o 1 de xaneiro de 2025, os concellos están obrigados a garantir a recollida separada dos residuos téxtiles, en cumprimento do Directiva Marco de Residuos da Unión Europea e a súa transposición ao ordenamento estatal. Esta medida busca reducir o volume de roupa e tecidos que acaba no contedor de resto ou en entulleira, favorecendo a súa reutilización e reciclaxe.
Nos próximos anos entrará en vigor un sistema obrigatorio de Responsabilidade Ampliada do Produtor (RAP) para o sector téxtil, que obrigará a fabricantes e distribuidores a financiar a recollida e o tratamento dos residuos que xeran os seus produtos. Este modelo pretende aliviar a carga económica dos concellos e aplicar o principio de “quen contamina paga”.
Para os municipios, o reto inmediato é dobre: cumprir coa recollida separada e planificar a transición cara a un sistema no que o financiamento e a organización da xestión téxtil estea cada vez máis vinculada aos produtores, reforzando ao mesmo tempo criterios de sustentabilidade, economía circular e xustiza ambiental.

Puntos de recollida
Os 30 contedores que empezaron a instalarse estarán situados en diferentes lugares que poidan facer máis efectiva a súa utilización por toda a cidadanía. Desta forma, o concello fixo pública a lista dos lugares onde se instalarán e serán os seguintes:
- Marqués de Valterra
- Concepción Arenal 93, 142 e 172
- Sagrada Familia, 1
- Avda. da Cañota, 4
- Camiño dos Sapos
- Avda. de Exército e Marina
- Jaime Janer 22, 93
- Ezequiel Massoni 4, 24 e 58
- Rúa Recamán, 26
- A Pena (San Xulián)
- Barriada de Mogor
- Carretera do Campo, 34 (Seixo)
- Ángel Araujo Escribano (Seixo)
- Moledo, 105 (Ardán)
- CEIP de Ardán
- O Igrexario (Santomé de Piñeiro)
- Francisco Landí Pazos, 2 (Centro de Saúde)
- República Arxentina, 14
- Avenida de Ourense, 23
- Avenida de Avelino Montero Ríos
- Gago de Mendoza, 147 (Aguete)
- Chan do Monte, 23
- CEIP do Carballal
- Tiro Naval Janer, 31
- PO-551, 62