Tras varias edicións consolidándose como unha cita habitual, o Mercado 3R regresa ao Parque Eguren en horario de 11:00 a 13:30 coa súa axenda completa. Os organizadores esperan poder contar nesta ocasión con todos os postos cubertos, o que confirma o interese crecente pola iniciativa.
O mercado continúa afianzándose como un lugar de encontro para veciños e veciñas de todas as idades, que atopan nas mañás dos sábados unha escusa perfecta para pasear, mirar con calma e descubrir pequenos tesouros de segunda man.
Roupa, xoguetes, libros, obxectos curiosos ou pezas vintage forman parte da oferta dun mercado que aposta pola reutilización e polo consumo responsable.
Moito máis que mercar
Desde a ANPA Aidón, promotora do evento, animan á veciñanza non só a achegarse para facer algunha compra, senón tamén para compartir tempo e actividades no propio parque.

Nesta edición, ademais dos postos habituais, haberá espazo para xogar cun dos produtos estrela que nunca falla no mercado: as cartas Pokémon. A proposta busca reunir a nenos e nenas arredor dun xogo que continúa xerando entusiasmo entre distintas xeracións.
Unha segunda vida para os obxectos
O espírito do Mercado 3R baséase na idea de reutilizar e dar unha nova oportunidade aos obxectos. Aquí, as cousas non se gardan nun alboio nin se esquecen nun caixón: pasan a outras mans para seguir sendo utilizadas.
En edicións anteriores non faltaron escenas curiosas que reflicten esa filosofía. Houbo quen chegou andando e marchou rodando nunha bicicleta ou nun par de patíns; quen chegou vestido de rúa e marchou disfrazado de abella; ou quen atopou unha cámara de fotos, unha teteira, unha faltriqueira ou un libro vello disposto a comezar unha nova historia.

Un espazo cheo de vida
Co paso das edicións, o Mercado 3R converteuse nun pequeno punto de encontro comunitario. Cada sábado son máis os veciños que se achegan con curiosidade para ver que novidades aparecen nos postos e que novas sorpresas preparan os organizadores.
Un espazo cheo de vida que, precisamente, busca iso: dar vida á veciñanza e crear momentos compartidos arredor da reutilización, o xogo e a convivencia.
