Lixo de Luxo Marín segue a estela doutras iniciativas galegas que apostan pola reutilización e a economía circular, como as xa coñecidas doutras vilas e cidades. A administradora da páxina, discreta e práctica, explica que a idea naceu precisamente por inspiración doutras experiencias: “Porque polo Facebook pululaban outras páxinas deste estilo na contorna, lixodeluxo de diferentes lugares”.

Autoxestión e comunidade
O máis chamativo de Lixo de Luxo Marín é o seu carácter autoxestionado. Non hai grandes estruturas nin complexos mecanismos de control: “Prácticamente se xestiona soa. Unicamente hai que moderala para que non se encha de publicacións de venda ou que non teñen nada que ver co fin”, conta a administradora.
A dinámica é sinxela: quen atopa un obxecto en bo estado preto dun colector ou na súa propia casa, sube unha foto á páxina. A partir de aí, a comunidade actúa. “A xente por iniciativa propia é a que sobe as fotos cando topa algo… Non se pode utilizar para outros fins que non sexan a recuperación gratuíta de obxectos que ían acabar no lixo”, engade.

A variedade do que se salva
Entre os achados, todo tipo de cousas: mobles, aparellos eléctricos, libros, xoguetes… “A variedade mesma do día a día dos colectores do lixo”, di ela. Os días de recollida de voluminosos son, naturalmente, os máis frutíferos. “Pode aparecer calquera cousa”. Cada publicación é unha oportunidade para evitar que un obxecto útil acabe triturado ou no punto limpo. “Dende o momento en que alguén contesta ‘acabo de ir por alí e xa non está’ penso que si: o dar difusión evita que acabe no camión os enseres que aínda se poden reutilizar”.

A administradora insiste en que non hai conflito: “Se alguén sobe algo que non procede, elimínase e punto. Sen dramas”. A clave é manter o obxectivo inicial: rescatar o que outros desbotan, sen converter o grupo nun mercado. Por iso, non se permiten vendas nin usos comerciais.
Entre o doazón e a segunda man
Aínda que a recuperación directa de obxectos do colector “inda custa”, cada vez hai máis interese pola reutilización e o intercambio. A administradora recoñece que o mercado de segunda man “vai tomando forza”: “Ás veces pagar, inda que sexa simbólico o prezo, dá máis garantías… para o comprador e para o vendedor”. Non obstante, tamén lamenta que as doazóns perderan forza: “Hai quen non acepta cousas por medo a dar impresión de necesidade, ou quen as colle por cortesía e logo as tira”.

Quizais o segredo do éxito de Lixo de Luxo Marín sexa precisamente a súa sinxeleza e que é como dice a administradora, «un proxecto comunitario e non dunha soa persoa». A páxina funciona polos seus usuarios: «miran, soben, outros recollen… e continúa”.
EN definitiva, un ciclo continuo de xenerosidade e conciencia ambiental, no que o lixo se transforma, outra vez, en luxo.