A CIG, que forma parte da plataforma e que tomou a iniciativa de impulsar a convocatoria, fai un chamamento a participar nestas 26 concentracións que terán lugar a partir das 20:00 horas.
Segundo a central sindical, os lumes representan unha “traxedia ambiental, social, cultural e económica”, e entre as súas principais causas atópanse a mudanza climática, o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido.
Neste contexto, e ante o próximo fin da moratoria para novas plantacións de eucalipto decretada pola Xunta até o 31 de decembro, a CIG reclama que esta medida se prorrogue de maneira indefinida, tal e como defendeu o seu secretario xeral, Paulo Carril.
A convocatoria tamén pretende denunciar que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) “é unha ferramenta inútil”, aprobado sen debate nun Consello Forestal no que non están representadas todas as organizacións vinculadas ao monte e ao medio rural.

Expresar a solidariedade coa xente afectada
A plataforma —integrada por máis de medio cento de colectivos, asociacións e organizacións— aproveitará as mobilizacións para expresar a solidariedade coas persoas afectadas polos lumes e co persoal de prevención e extinción, que, segundo denuncian, desenvolve o seu traballo en condicións de precariedade, abandono e falta de medios. Neste sentido, reclámase a creación dun Servizo Público de Bombeiros/as Forestais con recursos e dimensión suficiente para atender a realidade galega.
Finalmente, a iniciativa incide en que unha verdadeira política de prevención require avanzar cara a un monte multifuncional e sustentábel, coa participación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares. Para iso, sinalan a necesidade de recuperar liñas de axuda para a valorización integral do monte e impulsar as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) como ferramenta clave de ordenación.
Lugares e horas das convocatorias
As concentracións desenvolveranse de maneira simultánea nos seguintes lugares:
- As concentracións desenvolveranse de maneira simultánea nos seguintes lugares:
- A Coruña – 20:00 h, Obelisco
- Allariz – 20:00 h, Campo da Barreira
- Betanzos – 20:00 h, Praza da Constitución
- Cangas – 20:30 h, diante do Concello
- Carballo – 20:00 h, Praza do Concello
- Celanova – 20:00 h, Praza Maior
- Compostela (Santiago de Compostela) – 20:00 h, Praza Roxa
- Ferrol – 20:00 h, diante do edificio da Xunta
- Lalín – 20:30 h, Praza da Igrexa
- Lugo – 20:00 h, diante do edificio da Xunta
- Melide – 20:00 h, Praza do Convento
- Monforte – 20:30 h, Praza de España
- Monterroso – 20:00 h, diante do Concello
- Noia – 20:00 h, diante do Concello
- O Porriño – 20:00 h, distrito forestal (Multiusos de Torneiros)
- Ourense – 20:00 h, Praza Maior
- Padrón – 20:00 h, diante do Concello
- Ponte Caldelas – 20:00 h, Alameda
- Pontevedra – 20:00 h, Praza da Peregrina
- Ribadeo – 20:00 h, diante do Concello
- Ribeira – 20:00 h, Praza do Concello
- Verín – 20:00 h, Praza do Concello
- Vigo – 20:00 h, Farol de Urzaiz
- Vilagarcía – 20:00 h, diante do Concello
- Vilalba – 20:30 h, Praza da Constitución
- Viveiro – 20:00 h, diante do Concello
Con estas protestas, a cidadanía está chamada a visibilizar a preocupación polo avance dos lumes e a esixir políticas máis eficaces para garantir a protección do territorio, a seguridade das persoas e a sustentabilidade do monte galego.