Trátase dun paso previo á súa extensión ao conxunto da veciñanza, que forma parte das melloras previstas no novo contrato municipal de xestión de residuos. O obxectivo principal desta primeira experiencia é comprobar o comportamento do sistema, medir os volumes de materia orgánica xerada e garantir que a separación se realiza de forma axeitada.
Hostelaría
Nesta etapa inicial, o Concello decidiu orientar o programa cara aos locais de hostalaría e aos comedores colectivos, sectores que producen unha maior cantidade de restos orgánicos e que permiten recoller información significativa sobre os hábitos e necesidades reais de recollida. Os establecementos participantes empregaran un sistema de chave acordado previamente coa administración local. A finalidade é a de asegurar un uso axeitado dos colectores e un seguimento detallado da fracción depositada.

Os seis colectores incluídos na proba instalaranse na Avenida de Ourense e na Rúa Ezequiel Massoni, zonas con alta concentración de negocios de restauración. A información recollida permitirá coñecer non só o volume de biorresiduos xerado, senón tamén o nivel de pureza da fracción orgánica. Isto é un factor decisivo para garantir un proceso eficaz de tratamento e compostaxe posterior.
80 colectores
Unha vez finalizada esta fase de avaliación e coa chegada dos novos colectores previstos no contrato, Marín extenderá o servizo ao conxunto da poboación. En total, instalaranse 80 colectores marrón adicionais, que estarán dispoñibles para o uso diario de toda a cidadanía. Con esta nova infraestrutura, o municipio completará o modelo de recollida selectiva. E deste xeito estarase incorporando de forma estable a separación da fracción orgánica, un requisito establecido polas normativas ambientais europeas.
A implantación do colector marrón representa un avance significativo na modernización do servizo de residuos municipais. Ademais de impulsar a redución da cantidade de lixo que chega ao vertedoiro, contribuirá a mellorar a eficiencia da recollida selectiva e a avanzar cara a un modelo urbano máis sostible e acorde cos compromisos ambientais asumidos polo Concello.