O Mercado 3R volve ao Parque Eguren con novas propostas de reutilización

O Parque Eguren de Marín acollerá unha nova edición do Mercado 3R, unha iniciativa promovida pola ANPA Aidón do CEIP Sequelo, que se consolida como unha cita destacada co consumo responsable e a reutilización de materiais.
17 de octubre de 2025
1 minuto lectura
Mercado 3R
Este sábado terá lugar unha nova edición do mercado 3R. Foto: JLPortela

O Mercado 3R terá lugar de novo o sábado 18 de outubro, en horario de 11:00 a 13:30 horas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Nesta ocasión, a actividade chega algo máis adiantada no outono que en anos anteriores, pero con idéntica ilusión. Os organizadores amosan o seu entusiasmo por compartir obxectos recuperados do esquecemento que aínda teñen moita vida útil. Segundo explican, observan as previsións meteorolóxicas con atención, confiando en que o tempo lles dea unha tregua. O mercado non se cancela ata o último momento, e o espírito dos participantes mantense firme: “Se vén choiva pero ás dez escampa, montamos”, sinalan.

O alumnado como protagonista

O proxecto está impulsado polos alumnos e alumnas de sexto de primaria do CEIP Sequelo, que exercen un papel protagonista na organización e na atención aos postos. Contan coa colaboración doutros compañeiros/as máis novos, ademais de participantes doutras ANPAs, centros educativos e asociacións de Marín e da contorna. A iniciativa tamén atrae persoas interesadas na economía circular e na reutilización creativa.

Os postos de xoguetes, libros, roupa e todo tipo de obxectos tentan dar unha segunda vida as cousas. Foto: JL Portela

Durante a mañá, o mercado converterase nun espazo onde xoguetes, roupa, obxectos de decoración, libros e múltiples artigos atopan unha segunda oportunidade en mans doutras persoas. Os prezos son case simbólicos, co obxectivo de fomentar unha cultura de consumo máis sostible e consciente.

Unha cita con creatividade e sustentabilidade

A través da conta de Instagram @mercado3rmarin, os organizadores foron adiantando algunhas das pezas que se poderán atopar nesta edición, ademais de difundir iniciativas de reciclaxe e consumo sostible que circulan a nivel internacional. Como novidade, o grupo organizador compuxo unha canción propia na que proclaman ser “os mellores vendedores do mundo”, unha mostra máis da creatividade e implicación do alumnado.

Mercado 3R
Se o tempo o permite este sábado os postos voltarán ao Parque Eguren. Foto: JLPortela

O Mercado 3R do Parque Eguren é, edición tras edición, un punto de encontro no que se mesturan aprendizaxe, diversión e compromiso ambiental. Unha razón máis para achegarse o sábado e descubrir o valor das cousas cando se lles ofrece unha nova vida.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Don't Miss