O Plan CER de Marín supera xa os 170 gatos atendidos e consolida a rede de colonias felinas controladas

A concelleira Mónica Viqueira visitou hoxe a colonia de Fondo do Saco, unha das primeiras en contar coa nova sinalización informativa, para facer balance do programa municipal e apelar á colaboración cidadá para respectar estes espazos.
27 de julio de 2026
2 minutos de lectura
A concelleira Mónica Viqueira, desprazouse esta mañá ata a colonia felina de Méndez Núñez - Fondo do Saco.
A concelleira Mónica Viqueira, desprazouse esta mañá ata a colonia felina de Méndez Núñez - Fondo do Saco.

O Concello de Marín continúa avanzando na implantación do Programa Municipal de Control Ético de Colonias Felinas mediante o método CER (Captura, Esterilización e Retorno), cun balance moi positivo desde a posta en marcha da colaboración coa Deputación de Pontevedra a finais de outubro de 2025, e dando cumprimento así á Lei de Benestar Animal.

A concelleira Mónica Viqueira, desprazouse esta mañá ata a colonia felina de Méndez Núñez – Fondo do Saco, unha das que xa conta co novo cartel
identificativo instalado polo Concello, para facer balance do traballo desenvolvido e explicar as seguintes fases do programa.

Solar con gatos en calle Méndez Núñez. 10-10-2025
Solar con gatos en calle Méndez Núñez. 10-10-2025

Desde o inicio desta colaboración, 171 gatos e gatas comunitarios foron
esterilizados, vacinados, desparasitados e chipeados, un labor que permitiu
avanzar de maneira decisiva no control da poboación felina do municipio.
Ademais destas actuacións preventivas, o programa tamén atende as asistencias veterinarias básicas e as urxencias, como poden ser animais atropelados ou con outras incidencias.

Alimentación controlada

Neste período, o Concello repartiu 765 quilos de penso entre as persoas
coidadoras autorizadas, garantindo unha alimentación adecuada e ordenada dos animais.

Un dos avances máis visibles é a dotación de elementos de refuxio na colonia de Fondo do Saco, unha actuación que o Goberno local pretende estender progresivamente a outras colonias do municipio para mellorar non só o benestar dos animais, senón a salubridade e o ornato municipal.
Na actualidade, Marín conta con 23 colonias felinas rexistradas, que están a ser sinalizadas cos novos paneis informativos.

Prohibido causarlles dano

Estes carteis identifican cada colonia como espazo integrado no Programa Municipal de Control Ético de Colonias Felinas e lembran as normas básicas de convivencia: os animais están sometidos a un control continuo mediante o método CER; está prohibido causarlles dano, retiralos ou abandonar novos exemplares; e a alimentación só pode ser realizada polas persoas coidadoras acreditadas polo Concello nos puntos autorizados.

Viqueira quixo facer unha chamada á colaboración da cidadanía para que
respecte estes espazos e non dea comida aos gatos, xa que todas as colonias
están atendidas por persoas voluntarias acreditadas que realizan unha
alimentación controlada. «É fundamental que cada colonia siga un protocolo para garantir tanto o benestar dos animais como a limpeza e a convivencia», explicou.

A concelleira lembrou que aquelas persoas interesadas en colaborar co programa poden poñerse en contacto co Concello a través do correo electrónico alcaldia@concellodemarin.es, para valorar a súa incorporación como persoas colaboradoras.

Mónica Viqueira quixo poñer especialmente en valor o papel das persoas
voluntarias que participan diariamente neste proxecto. «Nada disto sería posible sen o seu compromiso e a súa dedicación. Son elas quen colaboran nas capturas, no seguimento dos animais e no seu coidado diario, polo que desde o Concello queremos expresarlles o noso máis sincero agradecemento», afirmou.

Diario Marín

Diario Marín

Web Master

Deja un comentario

Don't Miss