Durante os últimos días, Salvamento Marítimo rexistrou varios incidentes con veleiros, algúns con danos no timón, ou que obrigou a remolcar ou escoltar ás naves afectadas ata porto.
Un dos episodios máis destacados tivo lugar na zona de Castiñeiras, cando un veleiro de bandeira francesa sufriu a presión dos cetáceos. A embarcación, malia os desperfectos, puido seguir navegando ata ser escoltada ao porto do Xufre, na Illa de Arousa. Outro dos avistamentos produciuse a 17 millas de Corrubedo, mentres que houbo tamén notificacións de incidentes en Cabo Home e nas proximidades de Pombeiriño, en Ribeira. En todos os casos, a tripulación resultou ilesa, aínda que algunhas naves tiveron que regresar a porto para avaliar posibles danos estruturais.
Conductas non agresivas ligadas ao xogo
Segundo informou Salvamento Marítimo, detectáronse tres grupos diferentes destes animais: un a unhas quince millas do faro de Corrubedo, outro entre Sálvora e a Illa de Arousa, e un terceiro ao norte da península do Grove. Algúns deles compóñense de ata sete exemplares, que seguen un patrón de comportamento observado nos últimos anos: a súa interacción cos timóns dos veleros. Este fenómeno, segundo explican os biólogos do CEMMA, non debe interpretarse como un ataque, senón como unha conduta aprendida, posiblemente ligada ao xogo ou a experiencias previas dalgúns individuos, especialmente dos máis novos.

Ante esta situación, Salvamento Marítimo e a Axencia Galega de Emerxencias fixeron un chamamento á prudencia. Recoméndase evitar saídas innecesarias e, no caso de atoparse cun grupo de orcas, non deter a embarcación, manterse lonxe das bandas e dirixirse cara a augas menos profundas. Así mesmo, pídese comunicar calquera interacción ao Centro de Coordinación de Salvamento a través do canal 16 de radio.
As «Gladys» espertan o interés científico
As coñecidas popularmente como “Gladys” xa protagonizan encontros nas costas galegas desde 2020, coincidindo co verán, e cada ano increméntanse os rexistros. Estes cetáceos, que poden medir ata 6,5 metros e superar as catro toneladas, pertencen á poboación ibérica de orcas, incluída no Catálogo Español de Especies Ameazadas.
A súa presenza esperta temor entre navegantes, pero tamén gran interese científico, xa que permite estudar máis a fondo o seu comportamento e a relación coas súas presas habituais.
A súa chegada ás rías galegas, convertida xa nun fenómeno recorrente, obriga a combinar precaución no mar e respecto por unha especie tan fascinante como vulnerable.