«Salvando plantas»: unha segunda vida verde en Lourizán

“Salvando plantas” é unha iniciativa nacida en Marín coa intención de dar unha segunda vida ás plantas que, por diversos motivos, xa non poden permanecer nas casas dos/as dono/as.
10 de octubre de 2025
4 minutos de lectura
posto de plantas
O posto está na carretera que vai ao Pazo de Lourizán

O proxecto baséase nun intercambio solidario: as persoas que non poden coidar máis das súas plantas poden deixalas para que outras as adopten, mentres o grupo promotor se encarga de recuperalas, transplantalas e poñelas de novo en circulación. Trátase dun espazo de encontro entre amantes da natureza, onde se mesturan a educación ambiental, a solidariedade e o compromiso coa sustentabilidade e que está situada ao pasar o Pazo de Lourizán, en Lourizán (Pontevedra).

posto de plantas
Nun recuncho podemos ver o pequeno posto de intercambio de plantas feito con palés

A orixe da idea

A idea de “Salvando plantas” naceu dunha preocupación sinxela pero profunda: a cantidade de plantas que acaban no lixo ou morren por falta de coidados.

As impulsoras do proxecto —un pequeno grupo de veciñas con paixón pola natureza— decidiron transformar esa tristura nun movemento positivo. “Comezamos vendo que moita xente tiraba plantas porque xa non tiña sitio na casa ou porque pensaban que non se podían recuperar. Entón pensamos: por que non crear un espazo onde se poidan salvar e compartir?”, explican.

Un equipo pequeno con moita paixón

posto de plantas
No posto podemos ver todo tipo de variedades

No inicio eran só dúas persoas, pero pouco a pouco o proxecto foi medrando. Agora son un grupo de voluntarias que se organizan para recoller, coidar e entregar plantas en bo estado a quen queira levalas. Non se trata só de aforrar cartos nin de decorar as casas, senón de fomentar unha cultura do respecto pola vida vexetal e polo medio ambiente.

A maioría das integrantes non se dedica profesionalmente ao sector, pero si teñen unha fonda afección polas plantas. “Gústannos dende sempre, e aprendemos moito unhas das outras. É un proxecto que nace do cariño, non dun negocio”, din entre risas.

A proximidade de Marín e Pontevedra como punto de partida non foi casual. As creadoras destacan que a vila ten un espírito comunitario moi activo e unha veciñanza disposta a colaborar. Ademais, a situación costeira e o clima suave facilitan o crecemento de moitas especies. “Aquí sempre houbo tradición de xardíns e hortas pequenas, e a xente valora moito as plantas. Sentimos que era o lugar perfecto para empezar”.

A resposta da veciñanza, mellor do esperado

posto de plantas
Cada persoa pode levar e deixar cantas plantas queira no posto de plantas

Dende que o proxecto se puxo en marcha, a acollida da poboación superou todas as expectativas. Ao principio pensaban que sería algo pequeno, un intercambio entre poucas persoas, pero axiña comprobaron que había moita xente disposta a participar.

“A verdade é que nos sorprendeu. Non esperabamos que tantas persoas viñeran deixar ou recoller plantas. Hai días que o posto se enche e temos que organizarnos mellor”, comentan entre risas.

A veciñanza non só se amosou receptiva, senón tamén agradecida. Moitas persoas aseguran que atoparon neste proxecto unha forma diferente de relacionarse co entorno e de dar valor ao coidado das plantas. Mesmo algunhas familias acoden cos nenos e nenas para ensinarlles a importancia de coidar o que temos e de non malgastar recursos. “É moi bonito ver como os pequenos se emocionan cando elixen unha planta para levar á casa”, din as organizadoras.

As especies máis queridas e as máis esquecidas

Co paso dos meses, o equipo de “Salvando plantas” foi descubrindo cales son as especies máis demandadas. As máis populares adoitan ser as plantas de interior resistentes, como os potos, os cactus ou as suculentas, que precisan poucos coidados e se adaptan ben a distintos espazos. “Son as que máis se levan, sobre todo porque son sinxelas de manter e quedan ben en calquera sitio”, explican.

Plantas
As máis populares adoitan ser os potos, os cactus ou as suculentas

Pola contra, as plantas grandes, como algunhas palmeiras ou especies de exterior, teñen menos saída, principalmente por cuestión de espazo. “Hai quen vive en pisos e non pode ter unha planta de dous metros, por iso esas son as que máis nos custa recolocar. Pero sempre aparece alguén que lles dá unha oportunidade”, engaden.

Un proxecto que sementa comunidade

A diversidade de persoas que se achegan ao punto de recollida tamén é unha das claves do éxito. Hai desde persoas maiores que levan toda a vida cultivando flores ata xente nova que se inicia no coidado das plantas. O perfil é moi variado, pero todos comparten o mesmo espírito: o de querer dar e recibir vida verde.

“Hai moita xente que chega cunha planta enferma e pregúntanos se a podemos recuperar. E cando a ven renacer, é unha alegría compartida”, contan as voluntarias.

Requisitos sinxelos para deixar plantas

plantas
Os requisitos son sinxelos e doados

Para que unha planta poida chegar ao posto de “Salvando plantas”, debe cumprir uns requisitos sinxelos pero necesarios. As organizadoras explican que é importante que estea viva e poida recuperarse, mesmo se ten algunha folla murcha ou parte danada. “Non importa que estean algo feíñas ou un pouco tristes, o importante é que teñan posibilidades. Se vemos que poden rexurdir, quedámolas e dámoslles os coidados necesarios”, contan.

Cando as reciben, revisan o estado das raíces, cambian a terra se é preciso e colócanas en macetas recicladas, moitas delas doadas por veciños. É un proceso completamente artesanal, feito con mimo e paciencia. “A nosa idea é non tirar nada, aproveitar o que hai. Moitas veces a xente tamén nos trae macetas vellas ou terra, e así todo se reutiliza”, explican orgullosas.

Horario e funcionamento

O punto de recollida funciona de maneira sinxela, pero organizada. As promotoras afirman que ao ser un posto ao aire libre funciona as 24 horas “Cadaquén pode pasar a recoller as plantas cando prefira, por iso é un posto aberto e a disposicón de todo o mundo, non importa a hora á que vaias, as plantas sempre están alí”, din.

Ademais, están a estudar a posibilidade de crear un pequeno calendario con datas fixas para facilitar a planificación e atraer a máis participantes. A flexibilidade e o trato próximo son parte da identidade do proxecto. “Aquí non hai burocracia, só ganas de axudar e compartir”, engaden.

Un balance moi positivo

Despois de varios meses de actividade, o balance non podería ser mellor. Centos de plantas foron salvadas e adoptadas, e o grupo sente que conseguiu algo máis ca recuperar verde: creou comunidade. “O máis bonito é ver como a xente se implica, como trae plantas doutros e se preocupa por saber se sobreviviron. Hai unha cadea de coidado e solidariedade que non esperabamos”, subliñan.

plas
Creouse a redor do posto unha cadea de solidariedade que é evidente o pasar e ver o posto

O éxito de “Salvando plantas” anima a pensar en novas metas: organizar obradoiros sobre coidado vexetal, facer colaboracións con colexios ou crear un pequeno viveiro comunitario. “Queremos seguir medrando, pero sempre mantendo o espírito inicial: salvar plantas e compartir ilusión”, conclúen.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Don't Miss