A Deputación de Pontevedra, a través dun novo aviso fitosanitario elaborado polo persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, chama á precaución e á vixilancia nas viñas da provincia fronte a enfermidades como o mildio, o oídio e a botrite. O aumento da humidade e as previsións meteorolóxicas destes días fan recomendable manter a atención incluso nas fincas xa tratadas previamente con funxicidas.
A recomendación é especialmente importante para os predios nos que xa se detectaron infeccións. Neste sentido, a Deputación lembra a necesidade de aplicar todas as medidas de control dispoñibles: tratamentos funxicidas axeitados, boa ventilación dos acios, control da lonxitude dos pampos, eliminación de netos e roza da vexetación para reducir a presenza de fungos.
Aviso ante a flavescencia dourada
En canto ao Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada, o persoal técnico non detectou polo momento un aumento significativo nas capturas de ninfas nin no seu desenvolvemento. Con todo, avísase de que nalgunhas zonas será preciso aplicar insecticidas nos vindeiros días segundo as indicacións da autoridade competente.

As viñas amosan unha certa variabilidade: obsérvanse acios con bo crecemento e outros con síntomas de corremento. O recente aumento de tamaño da uva responde ás altas temperaturas dos últimos días, especialmente nos predios máis adiantados no ciclo. Con todo, ante a chegada de xornadas máis frías e temperaturas arredor dos 27-28 ºC, recoméndase estar alerta ante novos síntomas de black rot, unha enfermidade fúngica favorecida por esas condicións.
Primeiros exemplares de avelaíñas do acio
Tamén se detectaron os primeiros exemplares adultos de Lobesia botrana (avelaíña do acio), aínda en cantidades baixas.
Porén, preocupa o aumento da acariose e o colapso de plantas por enfermidades da madeira. En hortas, deben renovarse os tratamentos contra o mildio para evitar danos, especialmente en cultivos como a pataca ou o tomate, afectados tamén por pragas como o escaravello ou a Tuta absoluta.
Ademais, o aviso inclúe advertencias sobre o moteado na maceira e a proliferación da Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo), con novas postas e eirugas máis desenvolvidas, recomendando continuar coa vixilancia activa.