Comezan os peches reivindicativos nos centros educativos para visibilizar o conflito do profesorado

O profesorado do ensino público galego inicia este martes, 27 de xaneiro, unha nova fase de mobilizacións coa celebración de peches reivindicativos en centros educativos de toda Galiza. A partir das 18:00 horas, o IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra acollerá un destes encerros, aberto á participación de profesorado, familias, alumnado e persoas da contorna, co obxectivo de facer visíbeis as demandas do sector e reforzar o ánimo colectivo.
27 de enero de 2026
1 minuto lectura
Peches nos centros educativos
Os encerros darán comezo maioritariamente a partir das 18:00 horas e serán flexibles

O peche do IES Frei Martín Sarmiento, situado na Avenida de Vigo, 23, está concibido como unha acción flexíbel que facilita a participación de toda a comunidade educativa. As persoas asistentes poden incorporarse en calquera momento, aínda que sexa só durante uns minutos, para amosar o seu apoio e contribuír á visibilización do conflito. Unha vez iniciado o peche, as persoas participantes organizarán diferentes actividades como a elaboración de materiais reivindicativos, conversas colectivas e asembleas abertas.

Desde a organización convocante sublíñase que o fundamental é facer presenza e transmitir unha mensaxe clara: o profesorado está en loita e existe forza organizativa nas comarcas.

Mobilizacións descentradas en toda Galicia

Esta acción forma parte dunha estratexia de descentralización do conflito nos propios centros de ensino, que se desenvolverá entre o 27 de xaneiro e o 5 de febreiro. Durante este período están confirmados peches rotatorios en 14 localidades galegas, entre elas A Coruña, Vigo, Ourense, Compostela, Ferrol, Lugo, Viveiro, Vilagarcía, Monforte, Lalín, Cangas, Rianxo, Ponteareas e Cee.

Os encerros darán comezo maioritariamente a partir das 18:00 horas, co obxectivo de facilitar a participación de familias e alumnado. As entradas e saídas serán totalmente flexíbeis, aínda que se fai un chamamento a concentrar o maior número de persoas no inicio, coincidindo coa convocatoria aos medios de comunicación.

Martes en loita e visibilización do conflito

Paralelamente aos peches, as organizacións convocantes propoñen manter a iniciativa dos “martes en loita”, animando o profesorado a acudir aos centros vestido de negro e a explicar ao alumnado e ás familias que este conflito vai máis alá das reivindicacións laborais. O punto álxido desta acción terá lugar o martes 10 de febreiro, con concentracións nos centros educativos de Galiza para facer visibles as carencias estruturais do sistema educativo público.

As mobilizacións reclaman melloras en ámbitos como a atención á diversidade, a redución de ratios, a recuperación do horario lectivo, a falta de desdobres e os efectos da reforma da FP, co obxectivo de presionar á Consellaría de Educación para dar resposta ás demandas do sector.

Deja un comentario

Don't Miss