Concentración en Pontevedra para condear unha posible agresión homófoba

Arredor de 500 persoas concentráronse este luns na Praza de España de Pontevedra para condenar a posible agresión homófoba que terían sufrido dous mozos na madrugada do pasado 2 de agosto na rúa Benito Corbal. A mobilización, convocada por Avante LGBT+, estivo marcada pola lectura dun manifesto a cargo do portavoz do colectivo, Diego Feijoo, no que expresou “a máis contundente repulsa contra todo delito de odio en calquera das súas manifestacións”.
12 de agosto de 2025
1 minuto lectura
Concentración diante do Concello de Pontevedra.
Concello de Pontevedra. Fotos: Eva Mejuto

Os feitos, que se investigan como un presunto delito de odio, terían ocorrido nas inmediacións dun coñecido local nocturno, na madrugada do pasado domingo día 10, na Rúa Benito Corbal, cando as vítimas foron insultadas e agredidas, presuntamente, por un grupo de persoas. Segundo indicou o subdelegado do Goberno, Abel Losada, xa se identificaron algúns dos sospeitosos e trabállase para localizalos.

A denuncia foi presentada o luns seguinte aos feitos, e as autoridades piden prudencia para non entorpecer a investigación. Paralelamente, Avante LGBT+ solicita a colaboración de testemuñas, especialmente de dúas enfermeiras que poderían ter prestado unha primeira asistencia ás vítimas.

Rúa de Benito Corbal en Pontevedra
Zona de Benito Corbal na que se produciu a agresión

Un 30% das persoas do colectivo en España sufriron acoso

Hoxe, na súa intervención durante a concentración, Diego Feijoo, Responsable de Avante Pontevedra, lembrou que “os dereitos do colectivo LGBTIQA+ son dereitos humanos, que atinxen a toda a sociedade” e advertiu sobre “tempos escuros” marcados por “novos e vellos discursos de odio contra a diversidade” que atopan eco “na política e nas redes sociais”. Tamén citou datos da Federación Estatal LGTBI+ que revelan que, nos últimos cinco anos, un 30% das persoas adultas do colectivo en España sufriron acoso, un 27% discriminación e un 10% agresións físicas ou sexuais. Ademais, mencionou un estudo local que constata “un aumento da violencia física e verbal contra a comunidade queer”.

Concentración diante do Concello de Pontevedra.
Cerca de 500 personas na concentración de Pontevedra. Foto: Eva Mejuto

Lembrando a Samuel Luiz

O portavoz fixo memoria doutros episodios, como a concentración no mesmo lugar hai catro anos polo asasinato de Samuel Luiz na Coruña, e advertiu que “a nosa resposta ten que ser igualmente firme”. Pese ao ocorrido, defendeu que Pontevedra é “unha cidade acolledora coa diversidade de sexo e xénero”, mais insistiu en que “non podemos permitir que nos quiten os dereitos que tantos anos e tantas vidas custou acadar”.

O acto concluíu cunha mensaxe clara: “Diante do seu odio: non daremos nin un paso atrás, nin voltaremos aos armarios”. Desde Avante LGBT+ subliñaron que seguirán traballando “para que Pontevedra siga sendo unha cidade diversa e plural, na que ninguén pase medo ou dubide de expresarse como queira ou de ir da man da súa parella”.

Deja un comentario

Don't Miss