O inicio no boxeo non sempre responde a unha vocación clara desde a infancia. No caso de Hugo, boxeador do Team Thunder, o primeiro contacto chegou case por casualidade: “Comecei no boxeo no ano 2022 a través das escolas municipais de Marín, cando nos repartiron os folletos cos deportes do concello. Naquel momento aínda non coñecía o mundo do boxeo”. Sen referentes nin expectativas previas, foi descubrindo pouco a pouco unha disciplina que acabaría marcándoo.

Tania Portela Aguete, pola súa parte, chegou ao boxeo tras probar distintos deportes sen atopar o seu lugar: “Practiquei fútbol, tenis, patinaxe ou zumba, pero non me divertía en ningún, ata que coñecín un rapaz boxeador do Team Thunder que me falou do que facía”. Tras comentalo cos seus pais, decidiu probar e xa non se afastou do ring.

Dificultades iniciais e prexuízos do boxeo
Os primeiros meses non foron sinxelos. A coordinación e o control do corpo supuxeron un gran desafío para el: “Ao principio era coma un pato mareado, entre a colocación dos pés, a garda e a coordinación”. Na competición, o maior obstáculo foi mental: “No meu debut o máis difícil foi manter a calma, algo que aínda estou aprendendo a controlar”.

Tania coincide en destacar a importancia do aspecto psicolóxico: “O máis complicado foi a nivel mental, porque o que che pase fóra do boxeo dálle igual ao teu rival”. Ambos tamén reflexionan sobre a fama de deporte violento. “O boxeo non é só pegarse, hai moitas formas de practicalo sen competir”, explica el. Ela engade que “todo comeza cun choque de mans e remata cun abrazo”, destacando o respecto e as amizades que se crean no ring.
Estudo, disciplina e sacrificio diario
Compatibilizar estudos e adestramentos require organización e compromiso. “Tes que organizarte moi ben co tempo de estudo e co ximnasio; se o fas, non debería haber problema”, sinala o boxeador. Ademais, destaca que o adestramento tamén axuda a liberar tensións: “Despois de adestrar estás máis relaxado para estudar”.

Tania coincide na importancia da planificación: “O máis importante é non deixar todo para o día anterior, aínda que ás veces sexa difícil”. Ambos adestran entre cinco días á semana, dedicando arredor dunha hora e media diaria, conscientes de que o sacrificio forma parte do camiño.
Un equipo, unha familia
Representar ao Marín Team Thunder é un orgullo compartido. “Dentro do equipo somos como unha familia, sempre estamos unidos”, afirma el. Ademais, competir na casa supón unha motivación extra: “Saber que estás rodeado de xente que te apoia dáche moita forza”.

Tania tamén destaca esa sensación: “Subirme ao ring coa equipación do Thunder éncheme de orgullo”. Sobre a igualdade, asegura que “ser muller non supón ningún desafío extra hoxe en día, xa que o boxeo feminino está en crecemento”.

Soños que miran ao futuro
Os dous teñen claro que isto non remata aquí. El aspira a proclamarse campión galego e chegar a competir a nivel internacional: “Aquela derrota en semifinais fíxome ver que isto só acababa de empezar”. Tania soña con dar o salto ao profesionalismo: “Para cumprir os meus soños teño que seguir adestrando paso a paso”.
A súa mensaxe final é clara: perder o medo. “É normal ter respecto ao principio, pero todo se aprende pouco a pouco”, conclúe el. Ela resume a filosofía do seu club nun lema que xa é identidade: “Cando vences os teus medos, destrúes os teus límites”.
