As sesións desenvolveranse os venres 3, 10 e 17 de outubro, en horario de mañá, de 09.30 a 12.30 horas. A participación é gratuíta, pero require inscrición previa. Esta pode realizarse de forma presencial na Alcaldía ou ben a través do teléfono 986 880 300 e do correo electrónico alcaldia@concellodemarin.es.
O contido deste curso do programa «Mellor acompañad@s» céntrase en aspectos prácticos. Un dos bloques principais será o manexo de caixeiros automáticos, para que os asistentes poidan practicar operacións como transferencias, retirada de efectivo ou pagamento de recibos mediante un simulador. Outro apartado estará dedicado ao uso dos teléfonos móbiles: engadir contactos, facer chamadas de vídeo, activar o GPS, descargar aplicacións, ou conectarse a unha rede Wifi.

Como usar a aplicación móbil do Sergas
Tamén se abordará o funcionamento das máquinas de quendas que se atopan nos hospitais e a utilización da aplicación móbil do Sergas, ferramenta que facilita a xestión de citas médicas e outras consultas relacionadas coa atención sanitaria.
A metodoloxía está pensada para que os/as participantes poidan aprender paso a paso, resolver dúbidas e adquirir confianza no manexo de dispositivos e aplicacións que xa forman parte da vida diaria. O obxectivo é que, ao rematar as sesións, cada persoa se sinta máis segura á hora de realizar xestións persoais de forma autónoma.

Prazas limitadas e con reserva previa
As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. A organización recomenda reservar canto antes para garantir a asistencia ás tres sesións previstas.
Con este tipo de formación, preténdese dar resposta ás dificultades que moitas persoas maiores atopan no acceso aos servizos dixitais, ofrecendo unha aprendizaxe práctica e directamente vinculada ás necesidades que xorden no día a día.