O departamento de Servizos Sociais vén de poñer en marcha unha nova edición de dous programas especializados dirixidos tanto ás persoas que comezan a experimentar dificultades asociadas ao envellecemento como a aquelas que presentan Alzheimer, outras demencias neurodexenerativas ou deterioro cognitivo.
Trátase do programa de Intervención Integral a Persoas con Alzheimer e
Familias Coidadoras, desenvolvido por AFAPO, e dos Espazos de Vida Activa, impartidos por Saraiva. Ambos desenvolveranse desde mediados de setembro ata o mes de xuño na Finca de Briz.

A continuidade destas iniciativas forma parte da aposta municipal por achegar á cidadanía servizos especializados e de calidade desde o ámbito público e de proximidade, especialmente nunha etapa vital na que a prevención, a detección do deterioro e o mantemento das capacidades persoais poden resultar fundamentais para conservar a autonomía e a calidade de vida.
Alzheimer e deterioro cognitivo
Atención especializada ante o Alzheimer e o deterioro cognitivo
A Unidade Terapéutica do programa de Intervención Integral a Persoas con
Alzheimer e Familias Coidadoras, desenvolvido por AFAPO, está destinada a persoas diagnosticadas de Alzheimer ou doutras demencias neurodexenerativas, pero tamén a aquelas que, aínda sen contar cun diagnóstico, presenten un proceso de deterioro cognitivo en fase leve ou moderada.
As sesións celébranse os martes e xoves, de 10.00 a 11.30 horas, na Finca de Briz, cun máximo de 10 persoas participantes. A intervención articúlase a través de diferentes talleres terapéuticos nos que se traballan aspectos cognitivos, funcionais e sociais, adaptando as actividades ás necesidades das persoas participantes.
Deste xeito, o Concello facilita o acceso no propio municipio a un recurso
específico para persoas que se atopan nunha fase na que xa comezan a aparecer dificultades cognitivas ou existe unha patoloxía diagnosticada, ofrecendo unha intervención continuada ao longo de boa parte do ano.
Previr o deterioro antes de que apareza A segunda liña de actuación aborda o envellecemento desde unha perspectiva fundamentalmente preventiva. O programa Espazos de Vida Activa, desenvolvido por Saraiva, está dirixido ás persoas maiores de 60 anos do Concello de Marín e busca promover, fomentar e consolidar un modelo de envellecemento activo.
Neste caso, trabállase no mantemento dunhas condicións óptimas a través de rutinas físicas, mentais e cognitivas, sociais e emocionais, co obxectivo de previr posibles situacións de deterioro global e, ao mesmo tempo, potenciar e conservar as capacidades psicolóxicas, sociais e emocionais das persoas maiores.
Talleres
Os talleres tamén se desenvolven os martes e xoves na Finca de Briz,
distribuídos en dous grupos: o primeiro, de 10.00 a 11.30 horas, e o segundo, de 11.30 a 13.00 horas. Cada un deles conta cun máximo de 15 participantes.
Con estas dúas iniciativas, Servizos Sociais aborda diferentes momentos do
proceso de envellecemento, desde a promoción de hábitos que permitan
manter unha vida activa e previr o deterioro ata unha intervención máis específica cando xa aparecen dificultades cognitivas ou existe un diagnóstico de Alzheimer ou doutra demencia. O obxectivo municipal é seguir facendo dos Servizos Sociais unha ferramenta de proximidade que acompañe ás persoas maiores e ás súas familias e responda ás novas necesidades que van aparecendo co avance da idade, favorecendo
durante o maior tempo posible a autonomía, a participación social e a calidade de vida.