O Pavillón da Raña converterase este 1 de marzo, no maior escaparate do baile urbano en Galicia. O Concello de Marín acolle a primeira proba da Liga Galega Xunta de Galicia de Hip Hop, incluída no Galician Dance Tour.Esta nova convocatoria apunta un contexto de crecemento sostido dunha disciplina que, en apenas tres anos, multiplicou licenzas, clubs e participación ata bater rexistros históricos na comunidade.
A presentación oficial correu a cargo do concelleiro de Deportes, Antonio Traba, do organizador Miguel Abreu, responsable de Bailes Galicia e do coordinador de Deportes da Xunta, Guillermo Reinaldo.

Convivencia xuvenil
Segundo explicou Abreu, serán 680 os bailaríns e bailarinas de hip hop que competirán organizados en 60 grupos e 70 categorías individuais ou de parella, procedentes de clubs de toda Galicia. A cifra confirma a expansión dun movemento que, máis alá do espectáculo, articula redes de formación e convivencia xuvenil en cidades e vilas.
Desta forma, a xornada estrutúrase en dúas sesións diferenciadas. Desde as 10.00 horas disputarase a competición de baile deportivo —estándar e latino—, caribeño e danza coreográfica, con 170 participantes. Esta proba inaugura o ranking nacional da tempada, polo que funciona como primeiro termómetro competitivo do ano.
Xa pola tarde, a partir das 14.00 horas, será a quenda da Liga Galega de Hip Hop, composta por cinco citas distribuídas polo territorio.
Posteriormente, o título autonómico decidirase coa suma dos tres mellores resultados de cada equipo ou participante, premiando tamén a regularidade de quen compita en todo o circuíto.

Vertebración territorial
O modelo de liga, consolidado co apoio da Xunta, responde a unha estratexia de vertebración territorial do deporte base. En Galicia, o hip hop pasou en poucos anos de ser unha práctica asociada a academias privadas e exhibicións puntuais a integrarse en estruturas competitivas homologadas, con regulamentos comúns e proxección estatal.
Ademáis, o concelleiro Antonio Traba subliñou que para Marín supón “unha satisfacción acoller un evento de tal magnitude que trae a centos de mozos e mozas de toda Galicia”. Hai que lembrar que o concello leva máis dunha década na aposta municipal por disciplinas en auxe que combinan exercicio físico, cultura urbana e compañeirismo.
Interese garantido
A resposta do público confirma o interese social. A organización ten xa 900 entradas reservadas, o que sitúa o pavillón preto do aforo completo.
En total, entre a sesión matinal e a da tarde, mobilizaranse arredor de 850 bailaríns e bailarinas. Esta participación converte o evento nunha das convocatorias máis multitudinarias do calendario deportivo galego.