O Demamas de Marín estréase con vitoria na liga de veteranas

O Demamas de Marín xa sabe o que é gañar na liga de veteranas. O equipo, integrado no Club Peixe, conseguiu este domingo pola mañá a súa primeira vitoria oficial na competición tras impoñerse ao Xinzo de Limia por 47-36, nun encontro disputado con intensidade e moita ilusión na pista.
26 de enero de 2026
1 minuto lectura
O estreo no marcador de vitorias supón un impulso anímico para o Demamas de Marín

Trátase dunha liga federada para xogadoras maiores de 35 anos, e o Demamas afronta o reto cun cadro formado por 17 deportistas federadas, con idades comprendidas entre os 40 e os 50 anos. Máis aló do resultado, o triunfo ten unha forte compoñente simbólica: confirma o crecemento dun proxecto que naceu case de xeito espontáneo e que hoxe comeza a dar os seus froitos deportivos.

De nais na bancada a xogadoras federadas

A orixe do equipo é tan especial como representativa do baloncesto de base. Varias das xogadoras comezaron a adestrar xuntas cando os seus fillos xogaban ao baloncesto en Cangas. A partir de aí, o grupo foi medrando ata que este ano decidiron dar o paso definitivo e federarse, atopando no Club Peixe o apoio necesario.

Demamas conta cun cadro formado por 17 xogadoras federadas

“O Peixe acolleunos, púxonos adestrador e deunos estrutura”, destacan desde o vestiario. Desde entón, o equipo non deixou de sumar integrantes, demostrando que o baloncesto non entende de idades cando hai ganas e compromiso.

Traballo, constancia e grupo

O Demamas adestra dúas veces por semana baixo a dirección de Xoel Sorribas, unha figura clave na organización e evolución do equipo. O técnico soubo cohesionar un grupo diverso, no que moitas xogadoras chegaron ao baloncesto precisamente a través das súas crianzas, convertendo esa experiencia compartida nunha fortaleza dentro da pista.

Un momento do partido no Pavillón do San Narciso

A vitoria fronte ao Xinzo chega, ademais, poucos días despois da presentación oficial do Club Peixe ao completo, un acto que reforzou o sentimento de pertenza e visibilizou o papel do equipo de veteranas dentro da entidade.

Un paso máis nun camiño ilusionante

O estreo no marcador de vitorias supón un impulso anímico para o Demamas de Marín, que afronta a liga co obxectivo de seguir medrando, gozando do baloncesto e demostrando que a paixón por este deporte non se xubila.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Don't Miss