O IES Chan do Monte impulsa a campaña “Manicura contra a homofobia” para promover a diversidade

A Coordinación de Igualdade do IES Chan do Monte de Marín puxo en marcha a campaña de sensibilización “Manicura contra a homofobia”, unha acción destinada a visibilizar e condenar as actitudes e expresións homófobas que aínda persisten no día a día, ao tempo que promove o respecto á diversidade e a liberdade de expresión persoal dentro da comunidade educativa.
23 de enero de 2026
1 minuto lectura

A iniciativa toma como referencia distintos xestos recentes no ámbito deportivo, entre eles o protagonizado polo futbolista galego Borja Iglesias, quen defendeu publicamente unha masculinidade afastada dos estereotipos tradicionais. Tamén se inspira na campaña impulsada pola peña Carcamáns Celestes, que apostou pola visibilización e o apoio á diversidade a través de accións simbólicas. Estes referentes serviron de punto de partida para trasladar ao contexto educativo unha mensaxe clara contra a homofobia.

Un “Nail Bar” aberto á comunidade educativa

A campaña desenvolveuse os días 21 e 22 no recibidor do instituto, coincidindo cos recreos do alumnado da ESO e dos Ciclos Formativos. Grazas á colaboración do alumnado dos ciclos de Comercio, Actividades Comerciais e Marketing e Publicidade.

Instalouse un improvisado Nail Bar no que calquera membro da comunidade educativa puido pintar as unllas se non as levaba xa pintadas. A acción pretendeu normalizar este xesto estético como símbolo de liberdade e ruptura cos roles de xénero establecidos.

Creatividade e reflexión a través dos cartaces

A programación complétase cunha exposición de cartaces elaborados polo propio alumnado, nos que se aborda de maneira creativa a problemática da homofobia, a defensa da liberdade de expresión persoal e a necesidade de cuestionar a idea de que determinadas imaxes, estéticas ou comportamentos deban estar asociados a un xénero concreto.

Un ambiente festivo e de compromiso colectivo

Durante o desenvolvemento da campaña, a meirande parte do alumnado e do profesorado participaron activamente pintando as unllas, xerando un ambiente festivo, colaborador e de concienciación compartida.

A implicación do profesorado e do alumnado particiante evidenciou unha actitude común de rexeitamento á discriminación e de apoio ás iniciativas que fomentan o respecto e a igualdade.

Con esta campaña, o IES Chan do Monte reafirma o seu compromiso coa igualdade, o respecto e a diversidade, consolidándose como un espazo educativo no que se promoven valores de convivencia e inclusión.

Deja un comentario

Don't Miss