O acto tivo lugar no Salón de Plenos do Concello, e contou coa presenza de representantes da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Federación Galega de Fútbol, así como das familias, xogadoras e o corpo técnico do equipo.
Durante o acto institucional, recoñeceuse publicamente o enorme mérito deste grupo de xogadoras, que levou o nome de Marín ao máis alto do fútbol base nacional, demostrando un alto nivel competitivo e humano.
O presidente do Club Deportivo La Peña, Antonio Caíña, aproveitou a ocasión para dedicar unhas palabras ao equipo, destacando que o éxito non foi só deportivo, senón tamén persoal e colectivo, baseado en valores como o esforzo, a humildade, o compañeirismo e o compromiso.
Mención especial para o Colexio SEI San Narciso
Desde o club tamén se fixo extensivo o agradecemento a todas as institucións que contribuíron a este logro, facendo unha mención especial ao Colexio SEI San Narciso, pola súa constante colaboración e implicación co proxecto deportivo.
A alcaldesa, María Ramallo, quixo felicitar a “todas estas rapazas, que xa desde moi novas saben o que é deixarse a pel e poden paladear o éxito”, e animounas a seguir adestrando e medrando como deportistas e como persoas.
Este recoñecemento público supón un novo impulso para o deporte base feminino en Marín e un exemplo para as novas xeracións que soñan con acadar metas tan altas como as logradas por este equipo.