A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Marín e Seixo sumouse ás reivindicacións do Día Internacional da Muller cunha acción simbólica na praza de abastos de Seixo para chamar a atención sobre a fenda de xénero existente na sanidade.
O colectivo acondicionou o monumento á loita veciñal —coñecido como a cúpula— cunha intervención reivindicativa centrada na necesidade dunha atención sanitaria máis xusta para as mulleres. Segundo explica a plataforma, o mes de marzo é un momento propicio para visibilizar desigualdades que tamén se producen no ámbito sanitario.
Síntomas nas mulleres
A entidade lembra que historicamente a medicina utilizou estándares masculinos como referencia, o que provocou que moitos síntomas nas mulleres sexan infravalorados ou interpretados de forma incorrecta.
Como exemplo citan que os síntomas dun infarto poden manifestarse de maneira diferente nos corpos femininos, algo que non sempre se ten en conta na práctica clínica.
Patoloxías propias
A organización tamén alerta do elevado consumo de psicofármacos entre as mulleres. Segundo sinala, son receitadas o dobre que aos homes nun Estado que se sitúa entre os maiores consumidores mundiais de benzodiacepinas.
A plataforma vincula esta situación coa falta de coñecemento sobre determinadas patoloxías e coa persistencia de sesgos de xénero nos procesos diagnósticos.
Entre os exemplos mencionados están enfermidades como a fibromialxia ou a encefalomielite miálxica —tamén coñecida como síndrome de fatiga crónica— que teñen maior prevalencia entre as mulleres e que, segundo denuncian, adoitan ser confundidas con trastornos como ansiedade ou depresión.
O colectivo apunta tamén aos longos tempos de diagnóstico doutras patoloxías, como a endometriose, que pode tardar arredor de oito anos en ser detectada, ou a fibromialxia, cunha media de cinco anos.
A plataforma reclama máis investigación específica sobre enfermidades que afectan especialmente ás mulleres, como os cancros de mama, ovarios ou útero, así como unha maior atención a etapas vitais como a perimenopausa e a menopausa.
Ademais, considera necesario reforzar os cadros de persoal e aumentar a presenza de profesionais mulleres na elaboración de protocolos e guías clínicas.
Falta de matronas
No ámbito da sanidade galega, o colectivo denuncia tamén a insuficiencia de matronas, sinalando que Galicia conta coa peor taxa do Estado. Esta situación, aseguran, obriga a moitas mulleres a desprazarse para acceder a servizos básicos de atención á saúde sexual e reprodutiva.
A plataforma lembra igualmente que a violencia obstétrica —definida pola Organización Mundial da Saúde como as formas de violencia exercidas antes, durante ou despois do parto. Unha situación que continúa invisibilizada, a pesar da sentenza considerada pioneira ditada en maio de 2025 contra o Servizo Galego de Saúde.
Xunto a estas demandas, a entidade reclama máis profesionais de nutrición, saúde mental e fisioterapia para atender necesidades relacionadas co coidado das persoas, unha tarefa que segue recaendo maioritariamente nas mulleres.
A plataforma anima á cidadanía a contribuír con carteis, mandís ou outros elementos reivindicativos co obxectivo de facer visible unha mensaxe común: “Coa nosa saúde non se xoga”.