As sesións serán impartidas por profesionais expertos e requiren inscrición previa. Celebraranse nas oficinas de Pontevedra, Ponteareas, Lalín, Vigo e Cambados, ou en formato telemático.
Obradoiros para aloxamentos turísticos
O luns 19 celebrarase o obradoiro telemático “Ferramentas de xestión para aloxamentos turísticos”, a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Pontevedra. Este obradoiro tratará de mostrar a utilidade de varias ferramentas para facilitar a vida cotiá e a xestión do aloxamento, como os motores de reservas e dispoñibilidade en liña ou os xestores de canles, co obxectivo de vender máis aforrando tempo e aumentando os beneficios. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
Da administración electrónica ao marketing
O martes 20, ás 9:30 h, terá lugar na oficina de Ponteareas o obradoiro presencial “Primeiros pasos coa Administración Electrónica”. Neste taller presentarase o uso de ferramentas útiles para facer trámites coas administracións públicas, destacando o funcionamento do DNI electrónico e o certificado dixital. A formación correrá a cargo de Laura Carrera, profesional en publicidade e comunicación corporativa. As persoas interesadas poden anotarse a través deste formulario.

Ese mesmo día, ás 17:00 h, desenvolverase en liña o obradoiro “Do taller ao mercado: marketing para artesanía”, promovido desde o punto SmartPeme+ de Lalín. Trataranse estratexias dixitais pensadas para o sector da artesanía: dar visibilidade ao produto, mellorar as vendas e crear unha marca forte. Inclúe aspectos como a fixación de prezos, elección de canles de venda e uso das redes sociais. Impartirá o taller Fátima Faílde, especialista en comunicación e deseño con ampla traxectoria no ámbito creativo. A inscrición está dispoñible neste formulario.
Marcas e SEO
O mércores 21, ás 12:00 h, celebrarase o obradoiro telemático “Protexe a túa marca: rexistro e estratexia”, organizado pola oficina de Vigo en colaboración con ISERN Patentes e Marcas. Os participantes descubrirán como o rexistro dunha marca é unha ferramenta clave para protexer a identidade da empresa, tanto en contornas físicas como dixitais. A inscrición pode facerse a través deste formulario.
O SEO en Internet
O xoves 22, ás 17:00 h, na oficina de Cambados, terá lugar o taller “Presenza en Internet e técnicas SEO”. Os asistentes aprenderán a importancia de ter unha web profesional e como mellorar o seu posicionamento nos buscadores empregando técnicas gratuítas. A formación estará a cargo de José Luis Taboada, asesor con máis de 25 anos de experiencia en sistemas informáticos. A matrícula pode realizarse neste formulario.

Importancia da marca persoal
Finalmente, o venres 23, ás 12:00 h, celebrarase online o obradoiro “Marca persoal e reputación dixital”, coordinado pola oficina de Vigo. Tratarase como crear unha marca persoal forte no ámbito dixital e posicionarse no mercado laboral a través dunha imaxe profesional coherente e auténtica. A encargada da sesión será Sabela Álvarez, experta en emprendemento e comunicación. A inscrición formalízase neste formulario.