O ciclo de conferencias terá lugar no local do Ateneo (Rúa do Forno, nº42, baixo) do 21 ao 23 de outubro, culminando cunha saída ao monte o sábado 24 de outubro pola mañá. Todas as actividades son gratuítas e de entrada libre ata completar aforo.
O obxectivo destas xornadas, organizadas coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Marín, é ofrecer unha formación completa e de calidade, combinando a divulgación científica coa posta en valor do patrimonio micolóxico galego.
Programa
As conferencias, todas ás 20:00 horas, contarán con persoas destacadas do sector:
- Mércores, 21 de outubro: Charla Introdución á Micoloxía, por María Cabaleiro, bióloga e doutora en etnomicoloxía. Membro de MycoGalicia.
- Xoves, 22 de outubro: Charla Bos cogomelos comestibles, por Hugo Fernández, biólogo especialista en biodiversidade e conservación. Membro de MycoGalicia.
- Venres, 23 de outubro: Charla Cogomelos dos soutos galegos, por Jaime Blanco, micólogo e presidente da Asociación Micolóxica BRINCABOIS.
Saída ao Monte
Como peche, o sábado 24 de outubro terá lugar a tradicional saída ao monte (en horario de mañá). Unha actividade práctica impartida por Jaime Blanco onde as persoas participantes poderán identificar distintas clases de fungos no seu hábitat natural. O lugar e a hora decidiranse entre o público asistente á charla do venres 23.