O Bloque Nacionalista Galego (BNG) considera inadmisible a forma na que o goberno municipal do PP deu resposta á moción aprobada en maio para
mellorar a accesibilidade nas praias de Marín.
A proposta, que xa fora presentada polo BNG o ano pasado sen obter resposta, volveuse levar ao pleno este ano e foi finalmente aprobada por unanimidade, comprometéndose o executivo local a comezar as actuacións na praia de Mogor.



Con todo, o BNG considera que o resultado da intervención “é unha tomadura de pelo”. A formación nacionalista pon en dúbida que algún membro do goberno municipal comprobase o resultado da instalación, xa que calquera persoa que se achegue á praia de Mogor pode ver que a pasarela representa un perigo para as persoas usuarias.
A concelleira Davinia Lojo denuncia que a pasarela foi colocada xunto a un
regato de auga, xerando un desnivel que fai imposible o acceso á auga a
calquera persoa que se desprace en cadeira de rodas. Ademais, debido á súa
ubicación, a auga arrastra a area e deixa parte da estrutura suspendida no aire, sen base, o que a converte nun elemento inaccesible.

A isto súmase que os ancoraxes situados ao final da pasarela sobresaen varios centímetros sobre o terreo, o que supón un risco evidente de tropezos para quen camiña pola beira da praia.
Desde o BNG critícase tamén a declaración do PP asegurando que “este ano
Mogor substitúe a Portocelo como praia accesible”. Para Lojo, esta afirmación evidencia a falta de sensibilidade do goberno de María Ramallo para avanzar cara a unha accesibilidade real nos espazos públicos.
A formación lembra que a accesibilidade universal é a condición que deben
cumprir os entornos, procesos, bens, produtos e servizos para que todas as
persoas poidan facer uso deles en condicións de seguridade, comodidade eautonomía.
Senda de acceso Portocelo
Segundo o BNG, “as actuacións que vén realizando o goberno do PP nas praias de Marín están moi lonxe de acadar esa accesibilidade”.
Critican, ademais, o estado da senda de acceso á praia de Portocelo, que se
atopa en situación de abandono por falta de mantemento. “Resulta difícil de entender que se espere á chegada do verán para decidir a súa rehabilitación”, apuntan.

En canto á pasarela instalada en Mogor, desde o BNG insisten en que “non ten nada que ver coa proposta aprobada”, que incluía a instalación de pasarelas fixas de material antiescorregadizo e con zona de sombra reservada para persoas con mobilidade reducida.
O grupo municipal nacionalista convida á alcaldesa e ás concelleiras e
concelleiros do PP a que se acheguen á praia para comprobar por eles
mesmos o resultado da intervención. “E se xa o fixeron, que consulten con
algunha persoa con mobilidade reducida se esta senda lles permite acceder á praia con seguridade”, conclúe Davinia Lojo.