Marín contará con representación nas listas do BNG para as eleccións xerais

Davinia Lojo, Pablo Guimeráns e Bieito Lobeira formarán parte das listas do BNG, unha presenza que a agrupación local le como sinal do seu bo momento organizativo.
2 de noviembre de 2026
1 minuto lectura

O BNG de Marín estará representado nas candidaturas da formación nacionalista ao Congreso e ao Senado ás eleccións xerais do próximo 29 de novembro: Davinia Lojo e Pablo Guimeráns por Pontevedra e Bieito Lobeira por Coruña.

Para a agrupación local, a suma destes tres perfís nativos da vila marinense, que xuntan experiencia institucional, preparación técnica, coñecemento das institucións europeas e traballo político de base, é unha mostra da capacidade colectiva do proxecto nacionalista da vila. Davinia Lojo, politóloga e estadística, é concelleira pola formación nacionalista.

Combina o traballo político e organizativo cunha sólida formación académica e experiencia profesional no ámbito da xestión dos recursos mariños. A súa traxectoria inclúe a participación en proxectos europeos e en iniciativas destacadas como as análises para contribuír á planificación espacial marítima.

Pablo Guimeráns Sanjorge, historiador e politólogo, é membro do Consello Local do BNG e formou parte das candidaturas municipais de 2019 e 2023. Traballou durante varios anos no Consello da UE e no Parlamento Europeo, en Bruxelas, onde se especializou en políticas comunitarias. Destaca tamén polo seu compromiso coa defensa da lingua galega, a igualdade e os dereitos LGTBI+.

Pola súa banda, Bieito Lobeira representa a experiencia acumulada ao longo dunha extensa traxectoria no nacionalismo galego, tanto no ámbito orgánico como no institucional. A súa participación, completa un conxunto de perfís que abrangue distintas xeracións, ámbitos de especialización e formas de implicación política.

O responsábel local da formación nacionalista, Xurxo Agra, salienta que estas candidaturas “reflicten o bo momento organizativo que vive o BNG en Marín, a nosa capacidade para sumar perfís diversos e a consolidación dun proxecto que combina experiencia, renovación e traballo colectivo”.
Desde a formación consideran que esta diversidade é unha das fortalezas do nacionalismo en Marín, que conta con persoas capaces de achegar coñecementos desde ámbitos moi diferentes, sempre cun compromiso compartido co País.

Diario Marín

Diario Marín

Web Master

Deja un comentario

Don't Miss