Mentras se empezan a apilar as persoas nas beirarrúas de Pontevedra e Marín, saen dos remolques as plumas, os brillos, os instrumentos, os traxes e uns sorrisos de orella a orella que se van debuxando nas caras daqueles/as que levan preparando o entroido un ano enteiro. Parece que non dan chegado os minutos para arrancar, para sacar do corpo as ganas de todo un ciclo ensaiando, bailando e repetindo as músicas e as coreografías. Soan os primeiros acordes e os berros de ánimo entre @s que compoñen a gran familia do entroido: E un, e dous, e tres! Arriba, xentes! Chegan as comparsas!
Os da Caña e os Paparrulos, son as dúas comparsas que levan a fachenda mariñana por toda a xeografía galega nestes días de entroido. Moit@s deles/as tan apuradiñ@s andan que nos contestan como artistas que son… on the road, que se di, camiño dos bolos que apuran estes días para non perder nin un minuto de xoldra e de dar vida ás aldeas de Galiza. Os da Caña, como nos conta Sabela Couselo Villanueva, naceron na de María e Pedro, un baixo onde tiñan daquela un alambique dos que antes había en moitas casas galegas, e de aí lles quedou o nome.
No caso dos Paparrulos, nada máis e nada menos que trinta anos levan xa paseando as melodías e as plumaxes por todos os entroidos da comunidade, veteranismo en estado puro.
As comparsas de Pontevedra
Unido ao elenco de comparseir@s mariñan@s, desfilaron estes días polas rúas vestidas de entroido, outras comparsas de notable sona: As Sonecas, Os Retrincos, Las flores del carnaval, Solfamidas, Os Miúdos, Os Canecos, 100 tolos… estes últimos vencedores no concurso da cidade de Pontevedra e segundos no de Marín. Pablo Pérez Alén, da directiva dos 100tolos cóntanos que o seu xordeu dun “ver un desfile” e pensar que eles/as querían facer iso e así foi.
Hai dez anos que se acabaron xuntando cen tolos exactamente, para lle dar vida as marabillas que xestan cada entroido. “Non é doado nada de todo isto”, porque como el mesmo nos di, “detrás hai un traballo brutal”. “Traballamos toda a semana e despois ensaiamos venres, domingos, etc. dependendo de si tocas ou bailas, ainda que cando se achegan os meses finais ensaiamos tod@s xuntos sen descanso”.
Todo o mundo é benvido
As comparsas adoitan estar abertas. No caso dos Paparrulos, convidan incluso dende a súa consta de Instagram a mandar unha mensaxe directa se alguén está interesad@ en formar parte da comparsa, no caso dos 100tolos o acceso é tamén directo, “para isto non fai falta facer probas” bromea Pablo, pero si lamenta non poder dar máis cabida a quen quere desfilar con espaldeiras, dado que “ao non disponer dun remolque máis grande, non é viable desplazar todas as aparataxes que a xente precisa para facelo, temos o que podemos ter, que por ánimo seríamos moit@s máis”. Ainda así amósase satisfeito coa enorme afluencia de xente nova que vai chegando, e que cada vez é máis numerosa e ven con máis gañas.
A comparsa é familia
A palabra que máis se repite falando coa xente das comparsas é a de “familia”. O que @s une din eles/as son as gañas de pásalo ben, de estaren xunt@s ensaiando, pero sobre todo divertíndose e divertindo á xente, como nos di Vanesa Gil Villanueva de Os da Caña, “a esencia nosa non mudou dende que empezamos como comparsa, sempre aportamos tod@s ideas, porque é un traballo en equipo«.
Do mesmo xeito, se hai algo que Pablo destaca como marabilloso de estar nos 100tolos é esa sensación de pertenza a unha familia única, “o que máis valoramos é a felicidade que desprendemos durante o desfile, os ánimos á xente que está na rúa, algo que moitas veces que fai pensar que nos fai únic@s como comparsa”.
O importante é a viaxe
É certo que o desfile é o que vemos @s que estamos na parte de fóra, e inda que a elas/as desfilar é o que máis lles gusta polo que contan, deixan entrever que como en Itaca, a viaxe e casi tan importante como a meta, por iso se valoran todos os días nos que nada máis acabar o festival de cada ano xa se empezan a escoller traxes novos, cores, músicas, etc. e é todo este traballo e ese estar cóbado con cóbado discurrindo todos eses meses, polo que se consegue darlle forma a cada unha das fantasías que enchen as rúas pontevedresas cada sábado que arranca o entroido.
Os premios que poden gañar ou as actuacións que van facendo serven para poder pagar o despliegue que supón manter unha comparsa deste tipo, sen esquecer a cuota dos socios e socias, da que nos fala Pérez Alén, pero sen dúbida, o mellor, dinos é “desfilar, animarse cos teus, ver á xente feliz, cantando e bailando as cancións que levas meses ensaiando… rodeado d@s amig@s e da comparsa, que é a túa familia”. Pena que as palabras escritas non señan quen de transmitir o tremor na voz, porque escoitar a Pablo dicir “familia” e “100tolos” sería o colofón ideal para pechar non so esta reportaxe, senón tamén para dar por inaugurado o entroido cada ano. Longa vida as comparsas!
Cristina Corral Soilán, periodista, escritora, poeta y profesora ejerce como Subdirectora en Diario Marín, con funciones en todas las secciones del periódico y responsable de la Edición en Gallego.