A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana dúas novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que se celebrarán de xeito telemático, abordarán temas relacionados coa ciberseguridade e Capcut e será necesario un rexistro previo. Tralo rexistro enviarase unha mensaxe para confirmar a inscripción.
As accións formativas inícianse este luns, 19 de febreiro, ás 10:30 horas, con “Ciberseguridade, o phishing”. O obxectivo deste obradoiro, que será impartido polo experto universitario en robótica Manuel Freire, é dar a coñecer o pishing: a forma máis sinxela de ciberataque e, ao mesmo tempo, a máis perigosa e efectiva. Deste xeito preténdese divulgar as diferentes formas nas que esta técnica se pode presentar para poder identificala con eficacia e facerlle fronte.
Ademais deste obradoiro, a oferta formativa de SmartPeme para esta semana abrangue tamén “Capcut II: crea os teus deseños en liña”, a cargo de Lara Taboada, titulada superior en ensinos artísticos de deseño gráfico. Este taller terá lugar o martes 20 de febreiro de 12:00 a 13:00 horas en el daranse a coñecer como deseñar con esta ferramenta e tamén como usar os seus modelos para as publicacións en redes sociais.